Félix Rubial: «Se aparece un médico de familia, paramos a entrevista e contrátoo»

Ángel Paniagua Pérez
Anxo Paniagua VIGO / LA VOZ

GALICIA

M.MORALEJO

O xerente da área sanitaria de Vigo asegura que o problema real dos centros de saúde é a carencia de médicos para contratar substitutos

12 dic 2018 . Actualizado ás 13:13 h.

O xerente da área sanitaria de Vigo afronta tranquilo unha crise que non paraliza a asistencia, pero que ten un enorme poder simbólico. Félix Rubial (A Estrada, 50 anos), que xa viviu outras crises, como a apertura do Hospital Álvaro Cunqueiro, asegura que xa se tomaron algunhas medidas para mellorar a atención primaria.

-Dimitiron 23 xefes de servizo e unidade dos centros de saúde de Vigo. Séntese interpelado?

-[Pensa] Non. Non me sinto interpelado. É algo respectable, pero non o compartimos. Non estamos dispostos a desprezar todo o coñecemento, o criterio e a traxectoria de xefes que levan comprometidos moitos anos coa atención primaria.

-Entón que pasa agora?

-Temos que analizar cada realidade individualmente porque non coñecemos os termos da dimisión, e para ver qué reivindicacións se poden aplicar a cada centro. Se hai dimisións, a dirección asume a coordinación.

-Poden aceptar unhas dimisións e outras non, todas, ningunha? Hai un prazo para nomear novos xefes?

-Hai que analizalo caso a caso e non temos présa. Pero insisto: os xefes forman parte da solución.

-Se son parte da solución, por que isto non se parou?

-Pois non o sei. O que subxace aquí é unha realidade que sería ideal para calquera profesión: non hai paro. Isto impide facer calquera substitución que non sexa en urxencias. Non podemos substituír sistematicamente baixas ou permisos. Creo que eles son conscientes e que isto non nos acontece só en Vigo e Galicia, senón en toda España. Non é unha cuestión de diñeiro: temos o orzamento máis alto da nosa historia en atención primaria.

-Cun matiz: iso inclúe o prezo dos fármacos, que sempre crece.

-Claro. A farmacia é a tecnoloxía de atención primaria e hai que imputárllela a quen a usa. Pero isto non é un problema de recursos económicos. Se a min se me presenta agora un médico de familia ou un pediatra, interrompo a entrevista e contrátoo. Porque temos posibilidade de facelo. O problema é que non os hai!

-E que fai o Sergas ao respecto?

-O Sergas adoptou medidas: a ampliación da idade de xubilación, a proposta da ampliación das prazas mir... O conselleiro dixo que se están analizando alternativas á contratación. Hai que atopar medidas a medio prazo.

-Pero os xefes falan de necesidades a curto prazo.

-Temos adoptado moitas solucións dentro do plan estratéxico da área sanitaria, no que eles participaron. Somos a única área de Galicia e das poucas de España cun sistema de triaxe para clasificar a sobredemanda nos centros de saúde, para priorizar os pacientes que acoden sen cita ao centro de saúde.

-Os colectivos profesionais din que hai médicos porque á última oposición de familia apuntáronse 800.

-Pero non son do paro, son xente que xa está traballando... Eu ofrezo unha interinidade de pediatría en Cangas e non se cobre.

-Deteriórase a asistencia sanitaria, como din os médicos?

-Eu estou convencido de que non. Non está en discusión a calidade da asistencia, o que se cuestiona é que a ausencia de substitutos provoque que, se seguimos facendo o mesmo, os profesionais se saturen.

-Pero estaremos de acordo en que, se un médico ten 80 pacientes, o número 80 non recibe a mesma calidade que o primeiro...

-As axendas son de 37 e, se un profesional ten que asumir a cota doutro, son outros 37. E mais algunha urxencia... poden ser 80. Pero as prolongacións son voluntarias. No ámbito hospitalario tamén hai xente que opera pola mañá e pola tarde e non rachamos as vestiduras.

-Á marxe de que sexa voluntario e retribuído, esa realidade non lle afecta á calidade?

-Eu estou convencido de que non, porque creo na profesionalidade e no compromiso. Pode haber momentos puntuais de saturación.

-Entón, coincide no diagnóstico de que o sistema se sustenta no sobreesforzo dos profesionais?

-Non me atrevería a falar de sobreesforzo de maneira sistemática. Hai prolongacións voluntarias. Sustentado no sobreesforzo? Eu cambiaría por sustentado na voluntariedade. Pero o sistema non só é os profesionais, tamén son os recursos que pon a Administración: a tecnoloxía, as instalacións, os recursos organizativos...

-Cal é a cota media?

-Arredor de 1.350 pacientes por médico de familia. Hai centros cunha media de mil... e outros con 1.600. Os médicos poden regular a demanda, facendo educación sanitaria.

-Dicirlle á xente que non vaia?

-Hai cuestións que si teñen que explicarlle á poboación: dicirlle que se ten un determinado problema pois igual non lle toca ir.