Ano de marca nos tres aeroportos galegos

GALICIA

Óscar Vázquez

Lavacolla supera os 2,5 millóns de pasaxeiros a falta dun mes para pechar o exercicio e Alvedro e Peinador pasan xa o millón de usuarios

12 dic 2018 . Actualizado ás 11:29 h.

O 2018 será un ano marca no conxunto dos aeroportos galegos e practicamente na totalidade das terminais aéreas da comunidade, polo menos desde o final da crise económica. Nos primeiros once meses do ano os tres aeroportos viron partir ou chegar a 4,7 millóns de persoas, 213.417 máis que no mesmo período do exercicio anterior, segundo o balance recolleito por Aena .

Pero ademais, o aeroporto de Santiago conseguiu bater ao final do mes novembro a marca que establecera en todo o 2017, ata agora a maior cifra da súa historia. Nos once primeiros meses do ano Lavacolla contou cun tráfico de 2,52 millóns de e pasaxeiros, 80.827 máis que de xaneiro a novembro do ano anterior, ou o que é o mesmo un 3,30% de crecemento. Como as terminais da Coruña e Vigo, a de Santiago creceu tanto no mes de novembro (+2,64%), como no acumulado do exercicio. O mes pasado contou con 187.738 usuarios.

No caso de Alvedro suma no que vai de ano 1,13 millóns de pasaxeiros e colócase en disposición de bater cunha ampla marxe os 1,14 millóns que rexistro no conxunto do 2017. A terminal coruñesa creceu en novembro un 7,44% e nos once primeiros meses un 7,45%, certificando un ano redondo na consolidación da súa evolución positiva. 

Para rematar, Peinador logra superar en novembro o millón de pasaxeiros, cun total de 1,04 millóns, extremo que non volvera a ocorrer desde a crise económica que deixa aínda lonxe a cifra de 1,4 millóns de usuarios que chegou a acadar antes de minguar significativamente os seus tráficos. Con todo Peinador pechou un novembro con 85.195 viaxeiros, un 5,96% máis que no mesmo mes do ano anterior, do mesmo xeito que no acumulado do ano cre de momento un 5,42% grazas a contabilizar 53.867 usuarios máis que nos once meses iniciais do 2017.