Tráfico limitará a 30 por hora a velocidade nas vías urbanas de sentido único

m. s. REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

ÓSCAR CELA

Aplicará a medida no 2019 e quere reducir á metade as mortes no 2030

11 dic 2018 . Actualizado ás 11:25 h.

Tras anos nos que as mortes na estrada non deixaban de baixar, nos últimos catro exercicios as cifras española e europea non foron boas. Recoñecíao onte o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, nunha conferencia internacional organizada pola Fundación Mapfre no Congreso: «A evolución recente do número de vítimas nas estradas, en España e en moitos outros países, non foi a que nos tería gustado. Temos que actuar». O obxectivo que se marcou o Goberno, e que coincide co que fixou a UE, é reducir nun 50 % as mortes na estrada no 2030, e para facelo posible a Dirección Xeral de Tráfico traballa xa en varias medidas.

Unha das preocupacións é garantir a seguridade dos colectivos máis vulnerables (peóns, ciclistas e motoristas), e pensando neles a DXT está a traballar na reforma do regulamento de circulación para estender a zona 30 a todos os núcleos urbanos españois. A intención do Goberno é obrigar aos concellos a activar a prohibición de circular a máis de 30 quilómetros por hora en todas as rúas de sentido único e dun só carril dos centros urbanos. En Galicia hai zona 30 actualmente en Pontevedra e en determinados espazos doutras cidades, como é o caso da rolda da muralla en Lugo. Ademais, Tráfico pretende , en colaboración cos titulares das estradas, segregar carrís para distintos tipos de vehículos.

A previsión da DXT é pór en marcha ao longo do ano que vén toda esa batería de medidas encamiñadas a reducir a sinistralidade. A limitación da velocidade en vías urbanas que onte anunciou o ministro é unha delas, pero non a única. Os límites de velocidade reduciranse tamén nas estradas convencionais, nas que o máximo xenérico baixará dos 100 quilómetros por hora actuais aos 90. Ademais, endureceranse as sancións relacionadas coa velocidade, de maneira que se comezarán a retirar puntos cando se exceda en vinte quilómetros o límite permitido, en lugar dos trinta actuais.

Outra das novidades será o aumento das sancións por usar o móbil mentres se conduce, unha conduta que se penalizará coa retirada de seis puntos do carné. Adiantar pondo en perigo a ciclistas ou non respectando a distancia con eles castigarase con catro puntos. E non facer uso do cinto, dos sistemas de retención infantil ou do casco suporá tamén a perda de catro puntos.

Impulsar medidas que permitan xeneralizar os sistemas de seguridade máis efectivos nos vehículos é outro dos obxectivos da DXT. Para iso, o coordinador europeo Baldwin avanzou onte que traballa nun paquete de 16 características que deben reunir todos os vehículos.

Mentres, co fin de atallar un dos hábitos que supoñen un perigo para a condución, o consumo de alcol e drogas, Tráfico desenvolve durante toda esta semana unha operación especial de control nas estradas españolas. Ata o domingo realizaranse máis de 20.000 probas diarias.

A Xunta destinará 75 millóns no 2019 á conservación de estradas

A Xunta estivo tamén presente na conferencia internacional celebrada onte. E tamén reafirmou alí o seu compromiso de tratar de reducir á metade as mortes na estrada. Así o dixo o director da Axencia Galega de Infraestruturas, quen destacou na súa intervención que a seguridade viaria é unha materia prioritaria para o Goberno galego. Entre as medidas previstas avanzou que no 2019 destinaranse 75 millóns de euros á conservación de estradas da rede autonómica. Ademais, destacou que continúan os traballos para eliminar tramos de concentración de accidentes e a posta en marcha das «estradas que perdoan», máis seguras.

Os examinadores de tráfico desconvocan a folga que iniciaron onte

A Asociación de Examinadores de Tráfico (Asextra) desconvocou a última hora da tarde de onte a folga organizada no sector tras acadar un acordo coa Dirección Xeral de Tráfico polo que percibirán o incremento retributivo prometido para o 2018 durante este mes de decembro nun único pagamento en nómina. O comité de folga informou aos examinadores do acordo e da suspensión do paro «en aras de non prexudicar ao cidadán», aínda que avisa tamén de que retomará a súa protesta e de modo indefinido se no primeiro semestre do 2019 non se modifica a relación de postos de traballo co incremento do complemento específico que se acordou.

O paro comezara onte e íase a prolongar ata o día 21. Na primeira xornada foi secundado por máis do 90 % dos examinadores, segundo informou o sindicato CSIF, e máis de 5.000 alumnos quedaron sen facer o seu exame de conducir.

O acordo acadado co director xeral de Tráfico, PereNavarro , implica, segundo explicou o comité de folga, que a partida que se recolleu nos Orzamentos Xerais do Estado do 2018 para os examinadores será abonada en concepto de produtividade especial, ante a imposibilidade de executalo como complemento específico durante este exercicio. No proxecto de orzamentos para o 2019 engadirase unha disposición adicional «que permitirá aplicar o incremento do complemento específico e liquidar o problema legal ocorrido no 2018», engade.

As cantidades deste ano abonaranse nun único pagamento en nómina este mes a todos os examinadores e coordinadores. Ao tratarse dun complemento específico estrutural, no caso de que se prorroguen os actuais presupostos Tráfico solicitará a Facenda autorización para que se poida seguir percibindo.