En Marea non descarta expulsar aos que accederon sen permiso ao censo

Susana Luaña Louzao
susana luaña SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Paco Rodríguez

As auditorías confirman a entrada irregular de 4 persoas, 2 do comité electoral

11 dic 2018 . Actualizado ás 11:37 h.

O resultado das auditorías encargadas pola dirección de En Marea, unha vez que se tivo constancia de que houbo accesos irregulares ao censo, non fai senón cronificar a crise e a división interna no partido, porque os informes confirman que si houbo entradas indebidas, e por iso a dirección e o comité de garantías consideran que o asunto é de tal gravidade que é necesario tomar medidas, mentres que o comité electoral, próximo ao sector crítico, insiste en que non hai motivos para seguir atrasando as primarias.

As conclusións dos informes deunas a coñecer onte Gonzalo Rodríguez, membro da coordinadora e responsable do censo. Dixo que se encargou un interno ao técnico de Medrando (a plataforma de inscrición para as eleccións) e outro externo a un perito informático. As dúas confirman a entrada irregular ao censo de catro persoas, das que dúas son do comité electoral. As outras dúas son membros de En Marea pero que non están no devandito órgano. Esas persoas «non autorizadas» accederon a «fichas e DNI dous inscritos», reiterou Rodríguez. Non se ten constancia, con todo, de que houbese manipulación do censo; é dicir, de que se modificase.

A coordinadora considera os feitos o suficientemente graves como para tomar medidas, e máis tendo en conta «que se deu unha certa preocupación nos inscritos e na cidadanía». Polo tanto, a dirección que encabeza Luís Villares , ao entender que houbo «unha vulneración ética e da confidencialidade», solicitou que se adopten unha serie de medidas de seguridade que garantan o proceso de votación dos máis de catro mil inscritos que ten na actualidade En Marea. O obxectivo é salvagardar a lexitimidade do proceso de elección da nova dirección, á que se presentou a lista encabezada polo propio Villares e a do sector crítico, que lidera David Bruzos. Entre esas medidas, quérese dotar ao sistema informático de procesos de verificación coa incorporación dun SMS que recibirá a persoa autorizada unha vez emitido o voto, para garantir que quen vota «é quen ten dereito a votar», indicou o responsable do censo.

Pero, ademais, a coordinadora solicitou ao comité de garantías a revogación das dúas persoas do comité electoral que entraron no censo de forma irregular. E non se descarta que os catro que o fixeron, que xa foron identificados, sexan expulsados do partido. Aínda que ese é un proceso máis complexo, porque En Marea ten os seus propios mecanismos internos para acordar unha decisión dese tipo, Gonzalo Rodríguez recoñeceu que se vai estudar esa posibilidade. Tamén se farán chegar as auditorías á Axencia Española de Protección de Datos, para que ese organismo tome as medidas que considere oportunas.

«Regras de xogo»

Ante varios membros do comité electoral que acudiron á rolda de prensa, Gonzalo Rodríguez reflexionou sobre o que el interpreta como unha «convicción» cada vez máis estendida de que «as normas son interpretables», algo que rexeitou porque para iso existen «unhas regras de xogo». Por iso insistiu en que a dirección de En Marea ten que actuar «con responsabilidade e transparencia», o que xustifica as medidas adoptadas.

A dirección di que non se votará ata que non se implanten medidas de seguridade

Gonzalo Rodríguez dixo que as medidas de seguridade que se van a implementar no proceso informático «non levarán moito tempo», polo que as votacións non deberían atrasarse moito, pero tampouco garantiu que vaian ser a próxima fin de semana, tal e como se cría nun principio. Ou sexa, que, dez días despois da data fixada, as primarias de En Marea seguen no aire, e os dous sectores enfrontados ratifícanse nas súas posturas. O comité electoral, que é o que decide o proceso, non está de acordo coa dilación das votacións, aínda que onte preferiu non adiantar valoracións e será hoxe cando se pronuncie.

Os protagonistas dos sectores enfrontados insistiron onte nas súas formulacións. Mentres que Luís Villares , que encabeza a lista Coidando a Casa, desexou que as votacións se puidesen facer pero «con garantías», David Bruzos, líder da candidatura Entre Todas, insistiu nunha entrevista na TVG en que «teñen que ser canto antes, en canto cheguen os datos das auditorías».

Pola súa banda, o alcalde de Santiago , Martiño Noriega, que manifestou máis dunha vez as súas preferencias por Bruzos, insistiu na necesidade de dialogar para que se poida votar «canto antes» e elixir unha dirección «que reflicta a pluralidade do espazo».