Conclúen a voadura controlada dos 2.800 quilos de material da pirotecnia de Tui

La Voz VIGO / LA VOZ

GALICIA

Garda Civil de Pontevedra

A Garda Civil levouno a canteiras apartadas para destruílo despois de sacalo do almacén

13 dic 2018 . Actualizado ás 13:40 h.

Once días despois de entrar na pirotecnia de Tui para retirar todo o material pirotécnico que aínda conservaba, a Garda Civil concluíu onte a destrución de todo o material explosivo. Na última semana, os técnicos do instituto armado estiveron estourando todo o material que gardaba o establecemento de Francisco González Lameiro, o único detido pola explosión dun almacén ilegal que arrasou un pobo na parroquia de Paramos, tamén en Tui, provocou decenas de feridos e matou a dúas persoas. Eran máis de 2.800 quilos de material.

Aquel zulo daba servizo, presuntamente, á pirotecnia La Gallega, en Baldráns. Pero para entón esta xa fora declarada ilegal por problemas urbanísticos. O Concello non tomou medidas ata despois da tráxica explosión de Paramos. No mes de setembro precintouse a pirotecnia e o 28 de novembro os tédax entraron nela para levar de alí todo o material explosivo que quedaba.

Desde entón, estiveron destruíndoo. Para iso, os axentes trasladaron a varias canteiras abandonadas o material pirotécnico e foron realizando explosións controladas. Eran tantos quilos que lles levou máis dunha semana acabar con todo. O labor foi executada por persoal do Gedex e das intervencións de armas da Garda Civil de Pontevedra e Tui. O material estourouse en Oia a principios de semana e nos últimos días en Tui.