Portugueses e británicos compran un terzo das casas vendidas a estranxeiros en Galicia

G. Lemos REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

ANDREA RUIZ GARCIA

O volume de operacións inmobiliarias asinadas por foráneos crece este ano case o 20 %

09 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

As cifras seguen sendo modestas, porque Galicia non é Alacante. Con menos días de sol ao ano e un mapa de voos bastante pobre, que dificulta (por frecuencias e prezos) a conexión coas grandes cidades europeas, están claros os motivos polos que a comunidade non figura entre os destinos preferidos dos estranxeiros que se deciden a comprar unha vivenda en España. Lastres que, compensados por moitas outras potencialidades, non impediron que nos últimos anos haxa crecido significativamente o número de compravendas de casas protagonizadas por nacionais doutros países. Así, no primeiro semestre deste ano vendéronse en Galicia 387 inmobles que caeron en mans de investidores foráneos, o que representa un incremento superior ao 19 % respecto dos números do mesmo período do 2017.

A estatística elaborada polo Consello Xeral do Notariado revela que as compravendas de estranxeiros encadean cinco anos consecutivos de crecemento, e xa representan unha de cada cinco operacións inmobiliarias que se pechan en todo o país. En Galicia, a proporción é aínda moito menor. Hai mesmo estudos que cuestionan as cifras que ofrecen os notarios. Así, os informes dos rexistradores da propiedade rebaixan ao 12 % a cota de mercado que supoñen os investidores foráneos no mercado español da vivenda. En Galicia, o volume non chegaría nin ao 1 % (0,41 % na súa última actualización, correspondente ao terceiro trimestre). No outro extremo estarían Baleares, Canarias e a Comunidade Valenciana, onde superan o 25 % (con picos próximos ao 40 % na provincia de Alacante).

«En Galicia o que hai son operacións moi puntuais», explica Benito Iglesias , presidente da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias, que destaca que as compravendas de estranxeiros están aínda por baixo das que se rexistraban no momento álxido da burbulla. O que non cambiou, di, é o perfil do comprador foráneo interesado no ladrillo galego: «Son, maioritariamente, portugueses da zona norte, do Porto cara arriba, aos que lles gusta moito a contorna das Rías Baixas». A estatística dálle a razón. Segundo os notarios, case o 20 % dos estranxeiros que compraron unha vivenda en Galicia sen ter fixada aquí a súa residencia teñen a nacionalidade lusa. Séguenlles, cun 14 %, os británicos, que son os máis activos no conxunto de España e cuxa demanda, tal e como constatan os rexistradores hase reactivado «tras un longo período de intenso retroceso polo efecto brexit».

Se se pechan máis vendas é porque caen os prezos das casas. Polo menos das que adquiren os estranxeiros, que pagaron unha media de 820 euros por metro cadrado nas operacións pechadas no primeiro semestre, case un 12 % menos que no mesmo período do ano anterior. É a cifra máis baixa desde o 2007, xusto antes da picada da burbulla, cando o custo por metro superaba os 1.300 euros, e supón a metade que a media nacional, que supera os 1.600 euros (son case 2.800 en Baleares, a comunidade con prezos máis altos).

Para os rexistradores, o feito de que a demanda estranxeira estea sostida por persoas de países con altos niveis de renda per cápita (o top cinco confórmano británicos, franceses, alemáns, belgas e suecos) garante certa estabilidade ao mercado inmobiliario español, «na medida que non está tan exposto á conxuntura económica local».

Residentes e visados dourados

Fronte aos nacionais deses países de alto poder adquisitivo, que adoitan recalar en España por motivos turísticos, hai un segundo grupo de investidores foráneos no mercado da vivenda que traballan e residen no noso país e que, xa que logo, adoitan estar máis activos en áreas urbanas e non tanto na costa, como os romaneses (que representan un 5,5 % das operacións realizadas por estranxeiros) e marroquís (4,6 %). A estes habería que engadir, lembran os rexistradores, un terceiro grupo que tamén crece e que está formado por cidadáns chineses (3,9 %) e rusos (2,9 %). O seu auxe, ademais da o aumento do número de residentes en España procedentes de ambos os países, está moi ligado aos visados dourados que desde fai cinco anos permiten obter o permiso de residencia a aqueles nacionais doutros Estados que fan un investimento mínima de medio millón de euros en vivenda.