Aprender galego lendo e viaxando

La Voz

GALICIA

la voz

A terceira unidade do curso de lingua galega de La Voz de Galicia, dispoñible dende hoxe, está dedicada á literatura e fai unha viaxe pola Feira do Libro de Bos Aires

06 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O curso de lingua galega que ofrece La Voz de Galicia en colaboración con Política Lingüística chega hoxe á unidade de literatura, onde, de forma atractiva e divertida, os seguidores do temario poderán coñecer máis dos escritores María Solar e Pedro Feijoo e farán unha viaxe pola Feira do Libro de Bos Aires. Dunha forma amena, aprenderemos máis claves do idioma da nosa terra.

O curso divídese en dez unidades que permiten prepararse para superar as probas de obtención do certificado Celga 3, que acredita unhas competencias intermedias en lingua galega. As persoas que obteñen este título son quen de desenvolvérense en contornos nos que o galego é a lingua de uso. Todo, aproveitando as novas tecnoloxías e as actividades multimedia para crear un curso interactivo.

Ao longo destas dez unidades, as persoas usuarias poderán non só aprender gramática, expresión oral e escrita e ortografía, senón que tamén terán a oportunidade de achegarse a diferentes aspectos sociais e culturais de Galicia. Tamén haberá tempo para a gastronomía, as paisaxes máis impresionantes, a música, o cine e as artes galegas ou a moda sostible.

Nesta nova unidade, centrada na literatura, analízase un texto da escritora María Solar no que se pode aprender a teoría sobre os artigos indefinidos e numerais, así como os usos especiais dos posesivos e distributivos e a presenza e ausencia de artigos. Ademais, esta lección permitirá aprender as regras da ortografía dos grupos consonánticos. Na parte multimedia desta unidade un vídeo ofrece a posibilidade de coñecer a Feira do Libro de Bos Aires, unha das máis importantes de América, que se celebra cada ano dende 1974 e que recibe un millón e medio de visitantes.

Aprendendo galego con esta unidade, os usuarios poderán aproximarse á obra do escritor vigués Pedro Feijoo, autor de novelas como Os fillos do lume ou Sen piedade, ambos os títulos publicados por edicións Xerais. Na terceira unidade deste curso pioneiro tamén se fai un percorrido pola praia das Catedrais, un dos lugares máis visitados de Galicia e cuxo contorno foi escollido pola BBC para gravar a súa obra mestra sobre os océanos, Blue Planet, por ser un perfecto exemplo dos efectos que pode producir a erosión.

Sabías que co galego podes entenderte con 280 millóns de falantes en nove países de todo o mundo?

A historia do portugués nace no Reino de Galicia. Así comezou todo e así o dicía a protagonista dunha superprodución de Hollywood: A chegada. Que Galicia é parte da lusofonía é algo que está claro e que no 2014 se fixo lei. Daquela, o Parlamento galego aprobaba a Lei Paz Andrade, unha norma que chegara ao Hórreo directamente de mans da cidadanía a través do mecanismo da iniciativa lexislativa popular. Saber galego conecta directamente con máis de 280 millóns de falantes espallados por todos os continentes: dende o Brasil a Timor Leste, de Macau a Mozambique.

Saber galego permite ler na súa lingua orixinal o Poema em linha reta de Fernando Pessoa e o Ensaio sobre a cegueira de Saramago. E tamén A memoria da choiva de Pedro Feijoo ou Os nenos da varíola de María Solar. Diso, de literatura, fala a terceira unidade do curso de lingua galega de La Voz de Galicia en colaboración con Política Lingüística, que permite prepararse para superar a proba do Celga 3. A unidade xa está dispoñible no enderezo web cursodegalego.lavozdegalicia.es para os usuarios rexistrados neste curso gratuíto.

«As linguas non son só o coñecemento gramatical ou ortográfico, senón que tamén xeran unha cohesión cultural que funciona como facilitadora de relacións comerciais e económicas». Explícao o profesor de portugués e presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL) Eduardo Sanches Maragoto, que lembra que o punto de partida dos galegos para aprender portugués é tan alto que nas escolas oficiais de idiomas considérase unha lingua ambiental, «ao mesmo nivel que o galego e o español». Só hai que superar dúas pequenas barreiras iniciais: a ortográfica e a de afacer o oído a un acento un chisco distinto. Sanches Maragoto subliña que a Lei Paz Andrade é un «grande avance» para fortalecer os vínculos galegos co resto dos países de fala portuguesa, pero reclama que continúe a ser desenvolvida para rematar con esa «oportunidade perdida» que é a lusofonía, e que permite que Galicia se converta no intermediario natural entre o mundo hispano e o lusófono, tal e como formula a Estratexia Galega de Acción Exterior da Xunta. Segundo a Consellería de Cultura, este curso hai máis de 2.600 estudantes de ESO e bacharelato que aprenden lingua portuguesa, aos que hai que sumar os 1.055 matriculados nas escolas oficiais de idiomas. De feito, na escola compostelá, da que é profesor Sanches Maragoto, o portugués xa superou en alumnado ao italiano e ao alemán, por exemplo. Ademais, dentro da Lei Paz Andrade tamén se teñen posto en marcha iniciativas culturais como o Premio Literario Nortear e o proxecto aRi[t]mar. Neste eido tamén destaca que a CRTVG coproduciu ficción coa RTP e abriu unha fiestra á lingua portuguesa emitindo Morangos com açúcar. Os seus servizos informativos teñen agora presenza permanente no Porto.