Nenos dun colexio de Murcia berran en galego: «Unidos, moi fortes»

Suso Varela Pérez
SUSO VARELA LUGO / LA VOZ

GALICIA

COLEXIO INFANTAN LEONOR DE MAZARRÓN

Celebran o Día da Constitución mostrando a cultura e os símbolos de Galicia

06 dic 2018 . Actualizado ás 12:02 h.

Os 26 alumnos de terceiro curso de primaria do colexio Infanta Leonor de Mazarrón, en Murcia , xa levan a Galicia no seu corazón. Demostrárono onte nos actos que o seu centro promoveu con motivo do 40 aniversario do referendo da Constitución. Desfilaron polo patio coa bandeira e o himno galego de fondo para participar nun gran mural sobre a diversidade en España.

«A mellor maneira para que nos respectemos e nos integremos todos é aprendendo as nosas diferenzas e coñecendo as nosas culturas». Esta idea deféndea en galego a súa profesora, Catalina Zamora, unha namorada da nosa terra desde que en 1989 fixo unha viaxe de estudos de EGB por Galicia.

A dirección do colexio de Mazarrón presentouse ao programa europeo Erasmus+ co fin de que os alumnos coñecesen mellor a cultura, as tradicións e a vida doutros países e comunidades. Cando lles comunicaron que podían participar no proxecto educativo, na clase de Catalina decidiron dedicar os dous anos do programa a «ensinar aqueles elementos que fan de Galicia un lugar singular dentro de España». Así, grazas ás materias que imparte esta docente murciana -que fala perfectamente galego, ao estudalo fai case vinte anos na Universidade de Murcia a través do lectorado da Xunta- os rapaces coñecen diferentes aspectos sobre Galicia, desde os símbolos da nosa comunidade ata os pequenos xestos: «Todos os días, aínda que non dediquemos nada a falar sobre Galicia, poño no encerado o día e o mes en que estamos tanto en castelán como en galego».

A actividade que desenvolveron onte no patio levábana preparando nos últimos días na aula. Tratábase de ensinar ao resto de compañeiros do centro non só a bandeira e o himno de Galicia, senón explicar as provincias que a conforman, que o castelán e o galego son idiomas oficiais ou lugares emblemáticos, que eles mesmos elixiron, como a catedral de Santiago, o castro de Santa Trega ou a praia das Catedrais. «Pretendemos ensinar para integrar, porque como docente atópome ano tras ano nenos de 12 anos que non saben nada sobre moitas provincias de España, nin sequera saben situalas, e en cambio coñecen máis cousas do estranxeiro», explica Catalina Zamora.

Na exposición para celebrar os 40 anos da Constitución, os alumnos de terceiro de primaria foron explicando ao resto de compañeiros nocións básicas sobre a historia e o presente de Galicia. «Apostamos por este programa europeo porque cremos que desde o enriquecemento cultural e o coñecemento das diferenzas seremos mellores. Ou, polo menos, que os nenos teñan unha base, e logo cando sexan maiores, se queren saber máis, que teñan ferramentas para facelo polos seus medios», explica unha profesora que recoñece que mesmo nos exames, «para liberar tensión», ponlles de fondo aos alumnos o seu grupo favorito, Luar na Lubre.

E parece que algún froito xa conseguiu: «Os meus alumnos están moi sensibilizados, hai rapaces que este verán xa foron a visitar Galicia, non paran de preguntarme cousas, involucran os pais...». Catalina -que participou tres anos nos cursos de verán do Instituto da Lingua Galega- desvincula a súa actividade escolar sobre calquera cuestión política e xa no seu castelán con acento murciano explícao: «Trátase de que con naturalidade, desde o ámbito educativo, eles aprendan que somos diversos». E os seus alumnos así o expresan ao final do acto cun berro en galego: «Unidos, moi fortes».