Aprender galego e coñecer a cultura galega está xa ao alcance da man en La Voz

Tamara Montero
T. Montero SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

La Voz estrea hoxe un curso de lingua e cultura galegas que permite adquirir de xeito gratuíto os coñecementos necesarios para presentarse e superar a proba que outorga o certificado de lingua galega. Estruturado nunha decena de módulos, aproveita a tecnoloxía para facer a aprendizaxe doada e amena

23 novs 2018 . Actualizado ás 10:00 h.

Dicía Vicente Risco que Galicia pode ser pequena en extensión, mais en fondura, en entidade, é tan grande como queiras. Seguro que en dez unidades non se pode abranguer Galicia enteira, pero o curso si que permitirá percorrer un bo anaco de nós mesmos á vez que fornece de coñecementos de lingua galega ata un nivel que permita presentarse e superar con éxito as probas que organiza a Xunta para o certificado Celga 3, que acredita un coñecemento intermedio da lingua galega e que está adaptado ao Marco común europeo de referencia para as linguas.

O percorrido por esa Galicia que Risco definía como o mundo enteiro comeza hoxe mesmo para os usuarios de La Voz de Galicia. O seu primeiro anfitrión será o catedrático de Física Jorge Mira, xa que esta primeira unidade ten a ciencia galega e a ciencia en galego como columna vertebral.

Cada semana irá abríndose un novo módulo de aprendizaxe, que a través dun tema central permitirá mellorar as competencias de comprensión oral e escrita, así como aprender novo léxico, adquirir nocións de gramática, perfeccionar a expresión escrita e coñecer un pouco máis da cultura e da sociedade galega. A vindeira semana os participantes no curso poderán avanzar nos seus coñecementos de lingua aprendendo sobre deporte galego. Pola pantalla tamén irán aparecendo a gastronomía, a natureza e as paisaxes de Galicia, a música, a tecnoloxía, o cine, a moda e as artes, con cada un dos novos módulos que se porán a dispor dos usuarios.

O curso adáptase a todos os dispositivos, polo que se poderá aprender lingua galega no ordenador, na tableta ou a través do teléfono móbil, aínda que se recomenda utilizar o mesmo dispositivo para que sexa máis doado gardar os progresos en cada un dos módulos.

O curso, desenvolvido pola empresa Netex, tamén se aproveita das tecnoloxías para facer aínda máis amena a aprendizaxe. Cada unha das unidades combina textos dos colaboradores de La Voz, imaxes e vídeos, así como exercicios prácticos. Os usuarios poderán autoavaliar os coñecementos adquiridos ao final de cada módulo.

Un servizo máis para os usuarios da páxina web

Acceder ao curso de lingua galega de La Voz de Galicia en colaboración con Política Lingüística da Xunta é moi doado. De carácter gratuíto, dende hoxe xa pon a disposición dos usuarios a súa primeira unidade didáctica a través do enderezo web cursodegalego.lavozdegalicia.es.

Para poder seguir cada un dos módulos de aprendizaxe deste curso a través de Internet cómpre estar rexistrado. Tan só é necesario un enderezo de correo electrónico e un contrasinal, que non só dá acceso ao curso de lingua galega, senón que as mesmas credenciais dan dereito a beneficiarse de todas as vantaxes de ser usuario rexistrado de La Voz de Galicia, como o servizo de newsletter, que diaria ou semanalmente pon na bandexa de entrada os titulares máis importantes sobre os temas que máis interesan aos usuarios: o que será noticia ese día, os titulares que deixou a xornada, temas de educación, de ocio, a predición meteorolóxica e tamén as noticias de maior relevancia da edición local. Estar rexistrado na web tamén permite acceder a todas as informacións e poder comentalas.

Lingua, cultura, sociedade. Ademais de aprender lingua galega, o curso permite coñecer aspectos da sociedade e da cultura propias de Galicia.

Actividades. Cada unha das dez unidades multimedia conta cunha serie de exercicios que permiten fixar os coñecementos que se van adquirindo.

Diferentes competencias. Os módulos permiten mellorar a comprensión oral e escrita e a expresión, adquirir léxico e aprender gramática.

Autoavaliación. Ao rematar cada unidade, os usuarios do curso poderán autoavaliar o que aprenderon a través dunha proba de lume.