O ocaso de Pilar de Lara, azoute dos políticos galegos

Domingos Sampedro
domingos sampedro SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

ÓSCAR CELA

PP, PSdeG e BNG sufriron os embates das pescudas da xuíza agora expedientada

18 novs 2018 . Actualizado ás 08:29 h.

O ex-deputado nacionalista Fernando Blanco , conselleiro de Industria con Touriño, desprazouse o pasado martes de Lugo a Santiago para ofrecer a rolda de prensa que estivo a agardar durante sete anos. Compareceu xunto a dous recoñecidos avogados que o asistiron durante este tempo, Evaristo Nogueira e Xoán Antón Pérez Lema, para celebrar o arquivo da causa que o inhabilitou politicamente, denunciar as dilacións inxustificadas do proceso e desquitarse coa xuíza Pilar de Lara: «Nunca me chamou a declarar».

O de Fernando Blanco é só un exemplo das traxectorias políticas truncadas coas fulgurantes operacións iniciadas nos xulgados de Lugo, con ramificacións por media España. Causas identificadas con nomes como Carioca, Campión, Cóndor, Garañón, Cebra, Polbo ou Pokémon, coas súas derivadas Pikachu e Manga, puxeron na diana a políticos de todo signo cando a corrupción e a existencia dos partidos políticos eran identificados unha e outra vez, como aínda ocorre no barómetro do CIS, como o segundo e o terceiro problema do país.

As macrocausas converteron a Pilar de Lara na xuíza estrela de Galicia. Con cada resolución arrogouse o dereito a decidir quen podía continuar como alcalde ou quen debía ser relevado como dirixente político. En setembro do 2012, no arranque da campaña electoral das autonómicas, as súas actuacións fixeron desfilar polo telexornal aos alcaldes de Ourense Francisco Rodríguez (PSOE) e de Boqueixón Adolfo Gacio (PP), apeados do cargo, aínda que co tempo foron logrando que algúns dos delitos que se lles imputaban quedasen en nada, como lle ocorreu ao exregidor lucense López Orozco.

As alcaldías e gobernos locais de Lugo, Santiago, A Coruña, O Carballiño ou Ferrol, así como os asturianos de Tapia ou Cangas de Narcea ou o catalán de Sant Hilari foron desestabilizados coas instrucións xudiciais iniciadas en Lugo. O PSdeG deixou caer ao seu líder, Gómez Besteiro, e o PP tivo na picota ao seu portavoz, Paula Prado, que só logrou desembarazarse da imputación de De Lara por ser aforada e que unha instancia superior revisase o seu caso, como lle ocorreu ao exministro José Blanco.

Nos últimos meses, a De Lara devolvéronselle pezas separadas desde Avilés, Santiago ou o Tribunal Supremo. Non viron caso. A xuíza usou pólvora mollada. E agora é a xuíza a que pasa de instrutora a investigada co expediente disciplinario aberto polo Poder Judicial por unha falta moi grave, dúas faltas graves e unha leve na instrución dos seus casos. O vindeiro mércores deberá declarar con avogado.

Non faltan políticos que se alegren co expediente aberto a De Lara. Nin quen deixen de bailar ao seu son. Sen ir máis lonxe, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez (PSOE). A nova imputación que lle colgou a xuíza podería truncar a súa carreira noutro momento, pero agora é evidente que non vai dimitir. Os partidos, coas causas iniciadas en Lugo, aprenderon a relativizar.