Capturan ao irmán do asasino de Carballo acusado dun roubo coa banda do Golf vermello

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

GALICIA

Ana Garcia

Está a ser investigado por «polo menos un roubo» perpetrado supostamente pola denominada banda do Golf vermello

13 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Un mozo carballés ingresou en prisión investigado por «polo menos un roubo» dos 22 que as forzas de seguridade atribúen á denominada banda do Golf vermello. Foi detido pola Policía Nacional o 27 de outubro na Coruña, na segunda fase da investigación sobre unha onda de roubos en establecementos hostaleiros da cidade, a súa área de influencia (Cambre, Culleredo e Vilaboa, entre outros), Carballo e concellos da contorna entre xullo e outubro.

Trátase, segundo confirmaron fontes xudiciais, de Daniel Añón Botana, residente en Carballo e irmán de Iván, o mozo que leva fuxido de Teixeiro desde o 10 de outubro, cando decidiu non regresar a prisión tras gozar dun permiso carcerario. Cabe lembrar que Iván Añón Botana está condenado a 27 anos de cárcere polo asasinato dun malpicán fai agora uns dez anos.

Para a Policía Nacional, o seu irmán, Daniel, é un dos presuntos partícipes «dun dos delitos con forza». Foi trasladado a dependencias policiais e posto a disposición da autoridade xudicial na Coruña. Tras declarar, foi enviado ao penal de Teixeiro á espera de xuízo.

A Daniel Añón Botana, as forzas de seguridade da Coruña e Carballo vincúlano con Fran Añón Traba, apresado o 19 de outubro pola Garda Civil de Carballo e que quedou en liberdade provisional, en calidade de investigado, tras prestar declaración ante a titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 3 de Carballo.

Á denominada banda do Golf vermello atribúenselle 14 delitos de roubo con forza, dúas con intimidación, cinco de falsidade documental e outros cinco de furto de matrícula. O grupo subtraía, supostamente, placas doutros vehículos e colocábaas nun Golf vermello para despistar aos axentes. Pero o día 19 este turismo foi interceptado en Carballo tras ser identificado por varias cámaras de vixilancia e por unha testemuña como o utilizado para asaltar os locais carballeses A Vermutería e o Korner. No seu interior viaxaba Fran Añón Traba, arrestado cando, segundo as forzas de seguridade, «emprendía a fuxida facendo caso omiso dos sinais de detención dos axentes».