Darío Campos, sobre a xuíza De Lara: «Quen pide perdón a xente que estivo imputada»

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

ÓSCAR CELA

O presidente da Deputación de Lugo ilustra así as consecuencias das últimas actuacións xudiciais

12 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A xustiza «enturbou e marxinou a xente que tiña unha perspectiva creo que interesante politicamente, e que a apartou desa carreira». O presidente da Deputación de Lugo e alcalde da Pontenova, o socialista Darío Campos, ilustrou deste xeito as consecuencias das últimas actuacións xudiciais porque «enturbaron a vida política lucense e, en especial, a imaxe do PSOE». Supuxeron, engadiu, a «marxinación» de distintos responsables políticos.

Nunha entrevista a Radio Galega, o cargo socialista sinalou que «estamos a ver que causa tras causa están a quedar arquivadas e eu digo: quen lle pide perdón a xente que estivo durante catro ou cinco anos imputada e que agora [os seus casos] quedan arquivados», agregou. Mostrou o seu respecto á xuíza Pilar de Lara, pero lembrou que «os casos que montou están a arquivarse», en referencia ao exalcalde de Lugo Xosé López Orozco e ao ex secretario xeral do PSdeG José Ramón Gómez Besteiro. «Aos xuíces hai que respectalos, pero gústame que alguén sexa responsable do que fai; eu teño que selo como alcalde ou presidente da Deputación e ela, como xuíza, tamén».