O ir e vir dos intrusos impide a un veciño recuperar a propiedade

m. CARNEIRO
Redactora

A moza dos nenos pequenos e o can, os que cultivaban marihuana e dispararon a factura da luz, os que roubaron os mobles, os das festas, a señora de 50 anos coa súa filla e o seu neto... Así describe Carlos Caramés a lista de persoas que algún momento dos últimos tres anos okuparon a vivenda unifamiliar da que é propietario no número 27 da estrada de Eirís. Este oficial industrial e futbolista afeccionado, que emigrou a Nova York e a principios dos anos noventa regresou ao seu Monelos natal, construíu a casa coas súas mans, axudando ao seu pai, traballador da construción, na terra con vistas á ría que a súa avoa deixara en herdanza á nai.

Nunca chegaron a abandonar do todo a vivenda de Monelos, pero na leira de Eirís viviron por épocas -«os veráns sobre todo», explica o home-, houbo tempadas nas que puxeron a casa en alugueiro e alí seguía empadroado o propietario cando fai tres anos chegaron os primeiros intrusos e empezou o suplicio xudicial que o mantén en albas desde entón. «Creo que hai pouco entrou en vigor unha lei que axiliza os desaloxos, non o sei. O que sei é que coa folga de funcionarios deste ano hai un atraso grandísimo e somos moitos os afectados», explica este xubilado, que decidiu contar a súa experiencia «para que a xente saiba o que está a pasar cos okupas».

Desfile de intrusos

O seu caso constitúe en si mesmo unha peripecia que xa dura tres anos, deixou ata agora dúas sentenzas coas súas correspondentes ordes de desaloxo e vai camiño da terceira, probablemente, se a sorte non cambia, con idéntico final.

«Cando chega a policía coa orde e pídelles a documentación nunca son os mesmos okupas que estaban dentro cando se puxo a denuncia e non se pode facer nada. E volta a empezar», relata atafegado este home, que advirte: «Eles sábenllas todas. A min chegáronme a chamar pardillo». E nestes anos non considerou nin un só día facerlle caso á policía e tapiar. Ou si o pensou e decidiu non facelo. «Pechar a casa e dala por perdida? Non. Estanme desplumando, porque son eu quen paga a contribución e ao avogado, pero confío en que chegado o momento poidamos REVISAR desaloxalos, que eles non volvan entrar, e póla á venda», di. Con okupas dentro ninguén compra. Carlos Caramés vive coa súa irmá e na última campaña do IBI tiveron que pagar cento e pico de euros máis que o ano pasado pola casa de Eirís, sorprendentemente ampliada.

«Penso no Bronx dos setenta, en rúas enteiras ardendo polos problemas da vivenda»

Unha das primeiras consecuencias da okupación da casa foi a desaparición dos mobles e de grandes electrodomésticos como a neveira e a cociña. A póliza de seguro non cubriu nada. «Chámanos okupas, pero moitos son ladróns», quéixase Carlos Caramés, que no simulacro de diálogo que mantivo con algúns escoitou que cando o Concello lles dese unha casa para vivir deixarían a súa ou que el tiña dúas vivendas e eles tiñan dereito a utilizar unha.

Os primeiros meses de okupación a casa de Eirís 27 aínda tiña subministración eléctrica e auga. Os inquilinos cultivaban marihuana e mantiñan acendidas as luces para que as plantas prosperasen. A Carlos Caramés chegoulle unha factura de varios centos de euros. Máis tarde esnaquizaron as billas. Marcháronse, quedaron as macetas. Outros viñeron e o percal foi similar. «Hai un ano, a última vez que fun por alí coa policía, metéronse uns que me dixeron que estaban dispostos a pagar un alugueiro de 100 euros. Creo que xa non están», di este home, que á vista dos lumes que se declararon nos últimos meses en circunstancias similares, teme un incendio que bote a perder aínda máis a propiedade. «En toda a cidade hai moitísimas casas abandonadas, moitas en mans dos bancos, e o problema dos okupas vai a máis», advirte Caramés, que trae unha imaxe dos seus anos en Nova York. «Penso no Bronx, nos anos setenta, rúas enteiras ardendo polos problemas da vivenda», describe.