Os pediatras arremeten contra a nova figura creada polo Sergas

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

M. Moralejo

Aseguran que impedirá que os nenos sexan atendidos polo mesmo profesional

21 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A disposición adicional primeira da lei de acompañamento dos orzamentos galegos do 2019 sublevou a todos os pediatras do Servizo Galego de Saúde. E é que nela se crea unha nova figura, denominada persoal facultativo especialista de pediatría de área, cuxo traballo se desenvolverá en atención tanto primaria como hospitalaria, dentro da área sanitaria correspondente. É máis, a norma recolle que as categorías existentes, pediatra de primaria ou facultativo especialista, «consideraranse a extinguir».

Os pediatras estatutarios fixos poderán permanecer no seu posto e, mentres non se extinguen as figuras, optarán á integración na nova categoría se así o deciden. No caso do persoal temporal modificarase a súa vinculación para facer un nomeamento coa nova categoría de área.

A Sociedade de Pediatría de Galicia e a Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria, «nas que están inscritos a práctica totalidade dos pediatras galegos», elaboraron un contundente comunicado no que aseguran decatarse polos medios de comunicación desta importante medida. A creación desta figura, que podería atender tanto nos centros de saúde como no nivel hospitalario, «representa un cambio substancial que pode pór en perigo o modelo asistencial actual, que persegue que cada neno sexa sempre atendido por un pediatra», sosteñen.

Un colectivo importante dentro destas dúas sociedades científicas está convencido de que a medida adoptada pola Consellería de Sanidade «repercutirá negativamente na atención dos nosos nenos».

De forma conxunta, os dous colectivos rexeitaron a forma de tomar decisións da Xunta, xa que consideran imprescindible que se lles consulte sobre a modificación do sistema de atención pediátrica, «co fin de salvagardar os mellores criterios científicos e profesionais na atención sanitaria de todos os nenos de Galicia».

Aseguran que este luns se porán en contacto coa consellería para pedir información sobre esta medida e convocarán unha reunión conxunta extraordinaria e urxente para valorar de forma sosegada esta figura, así como para decidir as medidas a tomar en defensa da mellor atención sanitaria segundo os seus criterios científicos e profesionais.  

Falta de médicos

A medida obedece, aínda que a lei de acompañamento non aclara os motivos, á falta de profesionais de pediatría que hai no Sergas, fundamentalmente en atención primaria. O déficit non se dá só en Galicia, senón que se estende a toda España, polo que se están levando a cabo acciones para reorganizar a asistencia. Unha delas activouse este verán, cando é máis patente a ausencia de pediatras, que é cando gozan de vacacións, ao concentrarse estes especialistas en determinados centros de saúde, case todos cabeceiras de comarca. Tamén se pediu o aumento de prazas mir para formar a máis especialistas, pero de momento ningunha destas actuacións serviu para paliar a carencia de facultativos na atención primaria.  

Sanidade di que é unha medida estudada cos profesionais e que mellorará a atención  

O Sergas deféndese das críticas dos profesionais asegurando que se trata dunha das medidas estudadas nas distintas reunións mantidas coas sociedades para paliar o déficit de pediatras. A Xunta sostén que permitirá mellorar non só a dispoñibilidade de médicos, senón tamén ampliar a cobertura dentro de una mesma área, mentres que a flexibilidade da nova categoría favorecerá perfilar prazas máis especializadas que responderán as necesidades reais dos usuarios. «A actual compartimentación entre profesionais -di o Sergas- ten que dar paso a unha atención coordinada entre profesionais de primaria e hospitalaria».  

Reunión o luns

Este luns a Consellería prevé reunirse xa coas sociedades científicas para comezar o desenvolvemento desta norma, que, de momento, parece que vai atopar un forte rexeitamento.