O novo edificio do Gaiás custará 14,6 millóns e estará listo en dous anos

Juan María Capeáns Garrido
juan capeáns SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Cidade da Cultura

Acollerá servizos comúns das tres universidades e un observatorio do Camiño

21 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A Xunta adxudicou a que, presumiblemente, será a última obra da Cidade da Cultura. As empresas Acciona e San José serán as responsables de rematar o edificio Fontán, que utilizará algunhas estruturas xa construídas no que fose parte do Teatro da Ópera e que vai acoller servizos comúns das tres universidades e o futuro Centro Europeo de Investigación en Paisaxes Culturais, que funcionará como observatorio permanente do Camiño.

As construtoras hanse levado o concurso por 14,8 millóns de euros e comprometéronse a entregar a obra en 24 meses, fronte aos 30 que establecían as bases. Con este recorte de medio ano no calendario o Goberno garántese que o edificio poida estar finalizado no último trimestre do 2020 e en funcionamento para o Xacobeo 2021, tal como pretendía Feijoo. Ao longo do 2019 estará finalizado o Xardín do Teatro, que encherá cunha actuación de custo contido o buraco físico que quedou no corazón do complexo, e tamén estarán acabadas as conexións coa AP-9, que están en execución.

No edificio Fontán centralizaranse os servizos bibliográficos universitarios, a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario e o recentemente creado Consorcio Interuniversitario. En total, traballarán na instalación unhas 140 persoas que poderán contar co auditorio cuberto máis grande do Gaiás, con capacidade para 750 persoas e que será divisible en tres salóns. Na azotea haberá un xardín cuberto con fachadas abertas que tamén poderá utilizarse como espazo museístico. A metade do custo da obra acometerase con fondos do plan de financiamento universitario, e a outra metade con recursos directos da Xunta.

Máis de trescentos millóns nunha actuación que se orzou en 108

O custo de construción do Gaiás, tal como está concibido nestes momentos, supera os 300 millóns de euros, unha cifra que foi engordando desde practicamente o primeiro día no que empezaron os traballos, orzados inicialmente en 108 millóns. O novo edificio Fontán aumentará a factura definitiva, pero non tanto como estaba previsto, xa que se se alzaron as estruturas previstas por Eisenman habería que desembolsar un mínimo de 175 millóns máis sen descartar un novo desfasamento, e boa parte deles irían destinados ao Teatro da Ópera. No buraco que deixa este colector, a Xunta decidiu montar un auditorio ao aire libre cun custo limitado que estará rodeado por un xardín con árbores singulares, un rocódromo e un circuíto para actividades deportivas e urbanas. Segundo o Goberno galego, esta solución non supón insuflar novos fondos para o complexo, xa que se cobre con partidas que estaban asignadas previamente.