Gómez-Reino defende a súa candidatura construída desde o encontro fronte a Bescansa, que aposta por un Podemos «forte»

Elisa Álvarez González
E. Álvarez SANTIAGO

GALICIA

Asamblea de Podemos Galicia
Asemblea de Podemos Galicia Xoán A. Soler

Ambos votaron de forma presencial nunhas primarias cuxo prazo finaliza o vindeiro mércores

21 oct 2018 . Actualizado ás 20:32 h.

Carolina Bescansa e Antón Gómez-Reino exerceron o seu voto de forma presencial nas primarias de Podemos Galicia que permitirán elixir o próximo secretario xeral, e fixérono cun claro obxectivo, botar ao Partido Popular e a Alberto Núñez Feijoo do goberno da Xunta. Pero ambos plasmaron as súas diferenzas nas súas intervencións ante os medios. Sobre todo Gómez-Reino, quen lembrou que a súa candidatura «responde humildemente ao mandato de unidade das bases». Unidade que non se logrou, ao haber outro aspirante á secretaría «pero que segue a ser de encontro coa sociedade». O deputado tamén fixo valer a súa candidatura «de país», construída coas persoas que levan anos traballando en movementos sociais na comunidade, «con xente das bases, dos círculos, con cargos orgánicos e cargos institucionais, ese é o elemento fundamental que esperamos que se perciba como unha organización forte e de futuro en Galicia».

Pola súa banda Carolina Bescansa defendeu un equipo que busca transformar o modelo produtivo de Galicia acabando co caciquismo e as prácticas clientelares, e que dea cabida á xente formada, «para que non teñan que marchar». Animou a todos os inscritos en Podemos Galicia a votar para apoiar «o sentido femenino e feminista das nosas propostas», e lembrou que o que lle pase a esta organización nos próximos días «ten moito que ver co que lle pode pasar a Galicia nos vindeiros meses e anos». Tamén a compostelá defendeu como horizonte «poñerlle fin a esta triste etapa de Feijoo, e abrir unha nova historia no noso país». Bescansa insistiu en que, «so un Podemos Galicia forte pode liderar o cambio».

Asamblea de Podemos Galicia
Asemblea de Podemos Galicia Xoán A. Soler

Ambos os candidatos realizaron o seu voto a media mañá, nun encontro presencial para dar visibilidade ao proceso e no que se debateron as propostas dos círculos. No entanto, os inscritos poden seguir votando de forma telemática ata o 24 de outubro.