«Queremos independizarnos do Ministerio de Fomento»

María Hermida
maría hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

GALICIA

Ramón Leiro / María Hermida

Viascón vístese con lazos amarelos: os veciños usan a cor independentista para protestar contra unha obra na N-541

17 oct 2018 . Actualizado ás 09:24 h.

Desde o alto, Viascón -situado no municipio fusionado de Cerdedo-Cotobade e a quince minutos en coche de Pontevedra- é unha liña nunha estrada, unha aldea partida en dúas polo viario N-541, que leva cara a Ourense. Pero para os veciños é outra historia: «É un sitio tranquilo onde temos relación os veciños dun lado da estrada cos do outro sen problema ningún... A estrada haina que atravesar con coidado e listo. Aquí non hai Viascón de arriba e Viascón de abaixo, somos todos un», conta Espléndida, unha dicharachera anciá que a media mañá volve a casa cunha lata de ovos na man. Ao carón do viario está a de Manolo, a taberna. Ao outro, o taller de coches de José Manuel... hai moita vida a beiras da estrada. Desde hai uns días, en cada casa, en cada enreixado e nas varandas desa travesía locen tamén lazos amarelos de plástico.

Que é o que ocorre? Espléndida nin os puxo nin viu como os colocaban, pero sabe de que vai a cousa: «Non é que en Viascón nos volveramos independentistas coma os cataláns, todo debe de ser cousa desa obra que nos queren facer na estrada. Aquí non a quere ninguén». O proxecto ao que se refire vén de lonxe. Tivo pensado Fomento hai anos, dentro dun conxunto de actuacións para mellorar a seguridade viaria en varios puntos da N-541. 

Versións enfrontadas

No 2015, os veciños foron conscientes do que supuña esa actuación, de que se construiría un carril de servizo na travesía, separado por pivotes da estrada, e prohibiríaselles facer determinados xiros. Din que non presentaron alegacións en prazo porque non se decataron a tempo. Pero o Concello -gobernado polo PP-, que tampouco quere que se faga a obra, sinala que, aínda que non alegou, pediu a Fomento que paralizase a actuación e que «Ana Pastor cumpriu e tívoa parada». A subdelegación do Goberno actual (PSOE) dá unha versión distinta. Sinala que o que fixo Fomento mentres gobernou o PP foi adxudicar os traballos -a licitación é do 2016- e empezar a executalos noutros puntos, deixando para o final o da polémica travesía, que toca facer agora. En setembro, ao chegarlles citacións aos afectados para levantar as actas de expropiación, acelerouse todo.

A comunidade de montes, a asociación de veciños e os grupos políticos piden que non se fagan os traballos. Houbo unha reunión coa subdelegada do Goberno, o alcalde ten cita en Madrid para abordar o asunto..., pero hai unha realidade sobre a mesa: a obra está adxudicada e a empresa plantou carteis anunciando que inicia os traballos. 

Os argumentos veciñais

O domingo os veciños sementaron de lazos amarelos a travesía, conscientes de que iso lles axudaría a pór o foco en Viascón. «Queremos independizarnos do Ministerio de Fomento», di José Manuel González con tanta retranca como impotencia a pé de viaria. Ernesto Filgueira, presidente da asociación de veciños, deixa claro que lles molesta da obra:

«Agora si que van dividir Viascón en dous, vaise facer un efecto autovía e ninguén quere unha autovía diante da casa. Queremos seguir atravesando a estrada coma sempre, o único que teñen que facer é reducir a velocidade a 50. Nada máis».