A inundación do vello Portomarín: «A auga subía tres metros nun día»

Dolores Cela Castro
dores cela LUGO / LA VOZ

GALICIA

ALBERTO LÓPEZ

O exalcalde Eloy Rodríguez López, que tardaría 16 anos en acceder ao cargo, pagou unha multa de 250 pesetas por oporse a que cargasen os santos e os retablos da igrexa en dous camións

17 oct 2018 . Actualizado ás 21:47 h.

Eloy Rodríguez López tiña 29 anos canto tivo que abandonar a súa casa do vello Portomarín. Rodríguez, alcalde desde 1979 con UCD e ata 2007, xa co PP, lembra o día no que a auga do encoro de Belesar, que se estaba enchendo, apagou o lume da alquitara na que o seu pai facía augardente na adega familiar. «Estaba a auga en Santa Marta, a catro quilómetros, e todos pensabamos que tardaría dous meses en cubrir a vila. Houbo días que subiu o nivel tres metros en vertical», dixo. «Tivemos que saír co posto e quedaron as cousas na casa. Aos dous ou tres días volvemos cunha barca a recollelas». «Dende entón -confesou o pasado luns- pasaron 55 anos, nove meses e seis días».

O 24 de xaneiro de 1963 xa non quedaba ningún habitante no vello Portomarín, nin no resto das aldeas afectadas polo encoro de Belesar, unha das grandes obras hidroeléctricas do franquismo. A inundación física, segundo o exalcalde, «nada tivo que ver coa outra, a real, porque dende que empezaron a falar do encoro ata que o fixeron pasaron 30 anos. Meu pai, ao pouco de vir de Cuba, construíu unha palleira e todo o mundo lle dicía que non a fixese. Usámola durante 20 anos».

Rodríguez López lembra que antes de abandonar a súa casa -os seus pais tiñan tres, unha delas dedicada a servir comidas- tivo que pagar unha multa de 250 pesetas, que era unha cantidade moi considerable para aqueles tempos. «Estabamos na adoración nocturna -rememorou- e veu un obreiro de Varela Villamor, que avisou ao cura de que estaban de camiño dous camións para cargar os santos e os retablos. O cura, chorando, contóunolo aos que estabamos na igrexa e decidimos mandar a Mariano, o sancristán, a que tocara as campás a lume».

Segundo o exalcalde, ese día os operarios de Varela Villamor, o construtor que trasladou cinco edificios do vello Portomarín pedra a pedra, numeradas, entre eles a igrexa de San Nicolás, non puideron levar as imaxes nin o retablo. Fóronse sen carga porque o cura e a Garda Civil puxéronse á cabeza de todo o pobo, que se mobilizou ao tocar as campás a rebato. «A raíz diso -explicou Rodríguez López- houbo denuncias e multáronnos a catro veciños, aínda que estabamos todos alí. Non sei moi ben por que nos tocou a nós». Ademais del, que é o único que queda vivo, tamén tiveron que pagar as 250 pesetas Victorino de Pisco, José O Alabardeiro e Benjamín Somoza, segundo lembrou Eloy Rodríguez.

O cura Domingo de la Fuente e o alcalde Cándido Vázquez acompañaron aos afectados a visitar ao gobernador civil. «Díxonos que eran ordes superiores e que non podía facer nada, co que volvemos para a casa, pagamos e calamos». «Os da empresa -engadiu- eran uns ditadores e había que pasar polo que dixeran. Eran épocas difíciles e distintas. Mandaban quen mandaban».

O exalcalde de Portomarín traballou en Fenosa antes de que se alagase o vello pobo. Mediu, segundo dixo, todas as leiras afectadas entre Taboada e Guntín. «Deixei este traballo -confesou- despois dunha discusión con Ramiro Gómez, da casa da Costa, veciño e amigo, que era o avó de Xosé Ramón Gómez Besteiro, o que foi presidente da Deputación». Segundo Eloy Rodríguez, expropiáronlle unha viña que acababa de plantar, pola que lle ofreceron 12.500 pesetas, que era menos do que lle custaron as cepas. «O señor Ramiro choraba e o avogado da empresa díxolle: colla o que lle damos, que temos a tixola ben collida polo mango. Eu xa non aguantei máis e marchei».

«Do pouco que fixeron ben -explicou- están as casas da vila nova. O primitivo proxecto non asolagaba Portomarín. Eran dous encoros máis pequenos».