Guerra veciñal polas flores do cemiterio

M. López CARBALLO / LA VOZ

GALICIA

Basilio Bello

É a segunda vez en tres meses que as flores do camposanto de Sísamo (Carballo) aparecen esnaquizadas

17 oct 2018 . Actualizado ás 15:48 h.

Como nos instantes previos a un derbi no que se enfrontan os dous mellores clubs de fútbol da categoría, as semanas previas á celebración de Defuntos están a ser no cemiterio parroquial de Sísamo (Carballo) unha auténtica agonía.

O pasado luns amenceron -por segunda vez en apenas uns meses- as flores dos nichos esparexidas por todo o camposanto. Os culpables (porque sempre tiveron claro que o vento non podería ter feito algo así) só respectaran, e por razóns obvias, as que estaban colocadas tras un cristal; o resto, no chan. Sufriron o que cualifican como un ataque «vandálico» todos os panteóns por igual. Todos excepto un, propiedade das persoas que os veciños creen culpables, un home e unha muller cos que refiren ter tido problemas continuados: malgasto da auga, uso indebido das instalacións...

«Só hai que ver como ten a herba diante do nicho. Mira qué verde está! Non está seca como a do resto do cemiterio pola falta de chuvia. Malgastan baldes e baldes de auga, que é de todos os veciños», relataba onte unha afectada, que se reuniu con outra vintena de persoas para tomar cartas no asunto.

O luns foi unha patrulla da Garda Civil e onte outra máis, que eles mesmos chamaron ao ver que o presunto responsable andaba merodeando de novo polo camposanto. «Non o deron pillado, botou a correr», dicían onte en Sísamo, mentres se armaban de botas, carretillos, fouces e machetes. E para que necesitarían estes amables veciños semellante arsenal? Pois para responder coas mesmas armas.

As persoas ás que acusan plantaran, sen pedir autorización previa nin consultalo cos propietarios, flores, plantas e un par de sebes ao longo dun muro na máis recente ampliación do recinto. Ata agora deixárono estar «porque non molestaban a ninguén», pero, visto que o seu «non se respecta», decidiron pórse ao choio. «Que ti me rompes as miñas flores? Pois eu che retiro as túas», e así estiveron un bo intre durante a tarde de onte, deixando o espazo tal e como estaba antes de facer a plantación.

«O que non nos parece xusto é que se lles botase a culpa aos rapaces cando pasou a primeira vez [coincidiu co Apóstolo]». «Aquí todos temos seres queridos, máis alá dos cartos que nos custen as flores», dicían dúas veciñas.

Só agardan que esta auténtica guerra de flores acábese acougando, aínda que se cheiran que haberá máis episodios desta historia: «A ver se non se lles cruza o cable e veñen unha noite cun martelo e nos rompen as lápidas», concluía un veciño, preocupado.