Gonzalo Caballero será o cartel electoral do PSdeG para a Xunta ao non presentarse máis aspirantes

d. s. SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

XOAN A. ADOITAR

O partido convértese na primeira forza política en despexar a incógnita e definir a súa cabeza de lista

17 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Ao final nin sequera haberá que celebrar primarias a nivel galego. O secretario xeral dos socialistas, Gonzalo Caballero, converterase no candidato do seu partido ás autonómicas previstas para dentro de dous anos ao non concorrer ningún outro aspirante ao proceso interno convocado a semana pasada para decidir o perfil que asumirá a responsabilidade de competir pola presidencia da Xunta.

O PSdeG-PSOE convértese así na primeira forza política en despexar a incógnita e definir a súa cabeza de lista, tendo en conta que tanto o PP como En Marea e o BNG nin sequera teñen data para cumprir con este procedemento -xa sexa mediante unha elección asemblearia ou xa unha mera proclamación-, e a tradición indica que é un paso que darán nos últimos meses da lexislatura.

O prazo para presentar as precandidaturas ás primarias do PSdeG concluíu onte ás 19.00 horas con só un nome no rexistro, o de Gonzalo Caballero. Formalmente, o dirixente socialista non será proclamado candidato á presidencia da Xunta de xeito automático, pois as normas internas do partido apuntan que, aínda que non haxa máis aspirantes, Caballero ten que cumprir coa formalidade de recoller e presentar os avais correspondentes, que serán un mínimo de 194, o equivalente ao 2 % da militancia do partido en Galicia, e un máximo de 388. Unha vez que se verifiquen as firmas, a proclamación do candidato terá lugar o 3 de novembro.

O proceso de primarias que si se mantén vixente é o que rexerá para as localidades galegas de máis de 20.000 habitantes. Sempre que haxa dous ou máis aspirantes ás alcaldías, os militantes están chamados a elixir o cabeza de lista municipal nas eleccións internas programadas para o 18 de novembro.