Os vehículos de mobilidade persoal (VMP) non poden ir pola calzada

José Manuel Pan
José Manuel pan REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

jorge garcia

12 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Os patinetes, monopatines e outros aparellos de similares características están encadrados no que Tráfico denomina vehículos de mobilidade persoal (VMP). Adoitan moverse en espazos urbanos e é aí onde se xeran os conflitos cos demais usuarios, case sempre peóns. Non hai por agora unha regulación específica sobre a circulación destes vehículos. A propia DXT recoñece que ao carecer dun espazo propio nas vías, estes vehículos «xeran situacións de risco ao compartir o espazo urbano co resto dos usuarios», e por iso no ano 2016 ditou unha instrución cunha serie de criterios a seguir ata que haxa unha normativa específica. Esa instrución con normas básicas vai dirixida aos concellos, que son os que teñen que establecer as limitacións á circulación nas vías urbanas.

De todos os xeitos, a pesar desa falta de regulación específica, si hai algunhas normas claras sobre o uso destes vehículos. A principal é que teñen prohibido circular pola calzada, como establece o Regulamento Xeral de Circulación, que no seu artigo 121.4 di que «os que utilicen monopatines, patíns ou aparellos similares non poderán circular pola calzada, salvo que se trate de zonas, vías ou partes destas que lles estean especialmente destinadas». Engade ese artigo que cando circulen polas beirarrúas ou por rúas residenciais «só poderán circular a paso de persoa». E outro dato importante: «en ningún caso» poderán ser arrastrados por outros vehículos.

Os VMP tampouco poden circular polas beirarrúas, salvo nas zonas que teñan sido habilitadas polos concellos.

Como non están catalogados como vehículos de motor, non necesitan autorización administrativa para circular, polo que ata que haxa unha regulación definitiva tampouco o usuario un permiso de conducir.

A instrución da DXT si expón que se esixa autorización municipal cando os VMP estean destinados a actividades económicas de tipo turístico ou de lecer.

A circulación de patíns, monopatines e outros vehículos de similares características pola calzada poderá ser sancionada con multas que van desde 80 a 200 euros en función do tipo de vía e da gravidade do feito denunciado.