José González, un inspector fiscal vinculado ao viño

Mario Beramendi Álvarez
mario beramendi SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

José González Vázquez, Consellería do Medio Rural
José González Vázquez, Consellería do Medio Rural Santi M. Amil

Coñecedor da realidade do campo, sen carné do partido, liderou o traballo da comisión de incendios do Parlamento

27 sep 2018 . Actualizado ás 00:13 h.

Non é frecuente achar na política perfís como o de José González. No verán do 2016, a súa vida transcorría polo carreiro que el mesmo se trazou: membro do Corpo Superior de Inspectores de Facenda do Estado, xefe do equipo de inspección da Axencia Tributaria en Vigo, ocupaba a outra parte do seu tempo en Casal de Armán (Ribadavia), a adega que montou o seu pai, xa falecido, e que hoxe levan os seus irmáns. Unha empresa consolidada, que exporta viño e que quizais sexa un dos exemplos de como crear valor nun medio rural azoutado polo despoboamento. Pero aquel verán, antes das autonómicas, o PP de Ourense chamou á súa porta para proporlle entrar en política. José González xamais tivera carné de afiliado.

A oferta era ir nas listas das autonómicas. O PP buscaba así incorporar un perfil que adoita agradar a Feijoo: xente formada, con experiencia de xestión. Despois de sopesalo, deu un paso adiante ante o escepticismo da súa contorna máis próxima, que pensaba que, no seu caso, a política podería traerlle máis quebradizos de cabeza que alegrías, ademais de menores ingresos económicos. Así foi como no outono do 2016 pasou a formar parte do Grupo Parlamentario Popular, onde se encargou da área de medio rural, a súa gran paixón. Isto talvez explique por que decidiu tomar un camiño que entrañaba tantos riscos. Membro do Foro Económico de Galicia (FEG), José González foi tamén o encargado da última sesión dedicada a expor alternativas para o sector vitivinícola.

Ao longo de anos, empregou o seu tempo durante as fins de semana en percorrer cada recuncho da comarca do Ribeiro, onde puido comprobar de primeira man como a estrutura minifundista da propiedade, a dispersión e fragmentación das parcelas, condiciona a viabilidade económica dun sector crave para o medio rural. Na súa chegada á consellería quizais teña influído de forma determinante o criterio de Pedro Puy, portavoz do grupo parlamentario, que seguiu moi de preto o traballo que José González levou a cabo na comisión de incendios do Parlamento.

Un labor arduo, de moitos meses, na que se trataba, sobre todo, de facer un diagnóstico real da situación do campo galego, moito máis alá da cuestión do lume, e que trazase unha folla de ruta de país, afastada dos constantes vaivéns da política. Daquel traballo saíron datos demoledores, como a perda dunhas 300.000 hectáreas de superficie agraria útil en pouco máis de tres décadas.

José González afanouse en buscar o consenso con todas as forzas políticas para a aprobación dun ditame que si saíu adiante cos votos dos socialistas. Ata o deputado Xoaquín Fernández Leiceaga chegou a dicir que estabamos ante un texto que «supoñía unha oportunidade para modificar unha política equivocada durante anos».

Talvez isto chamou tamén a atención de Feijoo para situalo nunha consellería determinante na acción de goberno. Non en balde, o presidente prometeu hai dous anos que esta sería a lexislatura do medio rural.

Acelerar a mobilidade de terras e sacar adiante o Plan Forestal

José González terá a oportunidade de decidir sobre aspectos que o mesmo recomendou no ditame.

propiedade

Fragmentación. A posta en valor de terra infrautilizada para xerar viabilidade económica á explotación do campo segue sendo un dos grandes retos dunha sociedade minifundista.

madeira

Cadea de valor. Sacar adiante o Plan Forestal é a principal tarefa que ten agora entre mans. Un documento en fase de alegacións e que está chamado a trazar unha folla de ruta para fortalecer os elos de toda a cadea de valor.

leite

Un sector delicado. Os gandeiros galegos quéixanse de que a mellora en Europa non repercutiu do todo nos prezos en orixe, mentres as industrias seguen aumentando marxes e a distribución utiliza o leite no lineal de venda como reclamo.