Drones con tecnoloxía lalinense contra a velutina

Rocío Perez Ramos
Rocío ramos LALÍN / LA VOZ

GALICIA

miguel souto

Presentan un novo sistema para acabar coa avespa de xeito limpo, segura e sen límite de altura

21 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Lalín é terra de emprendedores e Jaime Pereira é un deles. Hai uns anos creou Aerocámaras e desde entón a firma xa lanzou varios inventos. O avó de Jaime é apicultor e fai tres anos, da preocupación de leste polas avespas velutinas, naceu un sistema para acabar cos enxames utilizando drones. Un sistema que as mata dun xeito limpo, segura e «sen límite de altura» chegando onde ninguén pode chegar.

Onte a firma realizou unha demostración real por encargo do Concello de Vila de Cruces. O escenario foi a área recreativa da Carixa e o obxecto do ataque un vistoso enxame situado na copa dunha árbore a uns 25 metros de altura e de 1,2 metros de diámetro. Para acabar con el utilízanse dous pilotos. Jaime Pereira encargouse do manexo do dron, e Gonzalo Cabo da pértega desplegable que leva axustada e que acada os catro metros. Jaime Pereira explica: «Eu teño que ter moita precisión ao achegarme porque hai ramas, follas e o meu compañeiro ten que manexar a pértega e acertar cunha cámara de precisión que leva na punta, por iso necesitamos ser dúas persoas, sobre todo para os niños que están dentro da propia árbore». Unha vez que o dron colócase, a pértega crávase e por medio dun botón inxéctase o veleno, 1,2 litros que alberga un depósito de 1,5 litros que leva o dron.

Non é pequeno, son 1,6 metros de envergadura. A operación leva a cabo en apenas dez minutos. Os dous pilotos levan un traxe antivelutina, confeccionado cunha tea máis grosa que os que se usan para evitar as picaduras das abellas. Onte utilizouse un segundo dron para gravar toda a operación.

Avespas desesperadas

O ruído perturba ás avespas, que ao achegarse atacan sen piedade ao dron pequeno primeiro e logo ao dron velutina. Nas imaxes que recollen en cámara pódese ver ás avespas desesperadas. En poucos minutos o veleno empeza a facer efecto. A rapidez depende da concentración e segue actuando dentro do enxame as seguintes 24 horas. Enseguida algunhas caen ao chan dentro do perímetro de seguridade.

A demostración de onte contou con numerosas testemuñas. Uns que acudiron exprofeso e outros por casualidade, como dúas veciñas de Silleda cuxo coche picou no medio da posta en escena. Apartaron o vehículo ao carón e mentres agardaban polo guindastre aproveitaron para observar o traballo dos drones. Unha delas apuntaba que «non contabamos con isto» e botaba en falta que este traballo non o realizasen na súa casa, «que teño dous niños, un nunha maceira, e non me dan vido a quitalos».

A actuación foi rápida e limpa, pero chegar a este sistema non foi doado. Jaime Pereira explica que empezaron «fai uns dous anos e medio a investigar probando varios sistemas, con espráis e con diferentes tipos de pértega». Un estudo de proba-erro ata dar coa clave, e esa foi que a pértega non fose ríxida, evitando dese modo que «descompensara o dron e que este empezase a moverse como unha cana de pescar arriba e abaixo», engade.

Drones sen límite de altura

O sistema está operativo desde o ano pasado. As primeiras probas con el xa foron satisfactorias conseguindo a estabilidade da pértega, necesaria para que non balancee e poder manexala 360 graos para poder orientala ata o niño e picalo. O sistema ofrécese a particulares, concellos e administracións e permite chegar onde un bombeiro non pode. Pereira explica que «o dron non ten límite de altura, pode chegar a calquera parte, dunha forma segura e sen riscos persoais». De momento levan xa 300 retirados, pero a súa loita non acaba aquí. Pereira destaca que «os viticultores están negros porque se comen as uvas, cómense a froita e téñoas visto ata alimentándose dun golfiño varado, non teñen límite e adáptanse a todo».

No que están a traballar agora é na combinación de diferentes tecnoloxías para localizar os enxames: «Mentres non poidamos REVISAR velos todos e destruílos non acabaremos con elas».