A lei da demanda: de escola a velorio en Chandrexa de Queixa

María Cobas Vázquez
maría cobas O Barco / LA VOZ

GALICIA

LOLITA VAZQUEZ

Na vila de Rabal quedan unicamente oito veciños, e hai anos que non vive alí ningún neno

20 sep 2018 . Actualizado ás 17:00 h.

É a viva imaxe da crise demográfica. Hai concellos da zona rural ourensá nos que as escolas deixaron de ser un espazo necesario porque non hai nenos; mentres que os velorios se converteron nun servizo esencial ante unha poboación cada vez máis envellecida. Un exemplo é Rabal, no municipio ourensán de Chandrexa de Queixa, en pleno Macizo Central. Houbo un tempo en que o pobo era sede da capital municipal, que se trasladou alén do encoro a finais dos sesenta. Perderon as oficinas municipais, pero gañaron unha escola.

A antiga unitaria quedou pequena porque ata alí ían a diario uns 20 nenos a clase, non só de Rabal, senón dos 14 pobos situados na marxe dereita do encoro que divide ao concello en dous. Aqueles nenos creceron e fóronse. E con eles, as esperanzas da substitución xeracional. Os seus fillos están noutros colexios e a escola hai anos que pechou as súas portas.

Un inverno duro

En Rabal hoxe en día viven oito veciños. Son os que están todo o ano. No verán son moitos máis, conta Ubaldino Martínez, un xubilado de 78 anos que é dos que aguanta, aínda que non descarta irse nos meses do inverno. «Aquí vai moito frío, así que igual marcho catro meses para unha residencia, ou para un restaurante que hai en Monforte, que sae case tan barato», sinala o home tras ter saído a buscar o pan e de paso aproveitar para falar con algún veciño. Prefire estar na súa casa, así que aguanta todo o que pode, pero o inverno é moi duro, con moitos días de neve, como apunta a súa veciña, Victorina Estévez, que está a piques de irse de volta á súa casa da Coruña. «Vimos para o verán, pero escapamos no inverno, que vai moito frío», argumenta a muller. Ubaldino xa probou a experiencia das residencias en etapas anteriores. «Gústame máis estar aquí. Sae máis barato, os mércores vén o do súper nunha furgoneta e sóbeme a compra pola escaleira arriba; aquí estou mellor», resalta.

Vinte casas abertas

Ningún dos dous foi á escola que agora converteron en colexio, porque xa pasaran esa etapa cando se construíu -«e porque daquela había que traballar», di Ubaldino-, pero aínda lembran cando o pobo estaba cheo de xente, e había moitos nenos. «Antes había vinte casas, e en cada unha sobre sete persoas», resalta Ubaldino. Eran outros tempos.

Ambos aseguran non saber nada do proxecto do Concello, que utilizou unha axuda de 40.000 euros da Xunta para transformar a antiga escola nun velorio; iniciativa que acollían con alegría. «Facía falta o velorio, porque os vellos temos que morrer, e novos non hai», responde Ubaldino de xeito gráfico. Dio con certa resignación, de ver como o pobo se vai acabando aos poucos. Entende que a instalación municipal (ao final do pobo, xunto ao río) é un bo servizo, «porque hai casas que non se prestan» para un velorio, di antes de lembrar que ata agora todos os falecidos eran velados nas súas casas. «Hai outro velorio en Celeiros [a capital municipal, a 12 quilómetros] pero ninguén vai alí, aquí vélase á xente na casa», apunta o home.