O risco de mortalidade por accidente de tráfico baixou un 71 % en trece anos

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

CARLOS CASTRO

Galicia segue sendo tras Navarra a comunidade con maior taxa de falecementos

01 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A importancia dos accidentes de tráfico como causa de morte reduciuse de forma considerable nos últimos anos. O último informe anual de demografía e saúde corrobora unha realidade que día a día rexistran as estatísticas de sinistralidade nas estradas. E é que no 2014 os accidentes de tráfico representaron o 13% do total das defuncións debidas a causas externas, cando ata o 2009 eran o primeiro motivo. En trece anos, desde o 2001, o risco de mortalidade por tráfico caeu case un 73 % a nivel estatal, un 71 % en Galicia.

A comunidade segue sendo con todo unha das que presentan peores cifras. Rexistráronse no 2014 cinco mortes por cen mil habitantes, fronte á media estatal de 3,6. Só Navarra presenta peores datos, mentres que a autonomía onde a taxa de defuncións relacionadas cos accidentes de tráfico é menor é o País Vasco, con tan só dous por cen mil habitantes.

Nada que ver co suicidio, que como causa externa duplica en incidencia aos sinistros na estrada. E en Galicia aínda máis. Máis de dez vítimas por cen mil, a cifra máis alta de España xunto a Asturias. Só esta autonomía presenta unha estatística similar, mentres que outras como Estremadura ou Madrid non chegan á metade. A tendencia neste caso non é boa, xa que soben en toda España en relación ao 2001, aínda que na comunidade galega fano en menor medida. Só baixan en sete autonomías, sobre todo en Estremadura e en Navarra.

O informe do Sistema Nacional de Saúde analiza numerosos indicadores de saúde e demografía, como o da natalidade. Nos últimos quince anos o índice de nacementos experimentou unha curva lixeiramente ascendente ata o 2008, e a partir de aí foi baixando ata rexistrar as peores cifras, de nove nacementos por mil habitantes, que en Galicia baixa ata os 7,1. Só Castela e León, con sete, está debaixo da comunidade galega, mentres que Murcia presenta as mellores cifras con 10,9 nenos por mil persoas. E se a curva da natalidade baixa, a da idade media materna sobe. No conxunto do Estado está nos 31,9 anos segundo os datos deste informe, mentres que en Galicia sobe a 32,6, unha idade media só superada polas nais vascas.

O que segue crecendo é a esperanza de vida ao nacer, que no 2001 non chegaba aos 80 anos e no 2014 superou xa os 83. Madrid, con 85 anos, é a comunidade cun maior índice de vida e Andalucía, con 82,1, a de menor expectativa, mentres que Galicia se sitúa nos 83,4. Todas as autonomías elevaron este parámetro durante os últimos trece anos, sobre todo Canarias, que o incrementou en 4,3 anos.

Se en algo destaca positivamente Galicia é na súa baixa mortalidade infantil e perinatal. A primeira abarca o primeiro ano de idade do menor, e a segunda as últimas semanas de xestación e os primeiros días da vida do pequeno. A comunidade logrou reducir estas defuncións ata converterse na autonomía con mellores cifras en ambos os indicadores. En mortalidade infantil Galicia presenta unha taxa de dúas mortes por cada mil nados vivos, mentres que Andalucía e Madrid superan os tres. No caso da perinatal, mentres que a comunidade galega se sitúa nas 3,4 defuncións, Asturias duplícaa e Baleares supera os seis falecidos.

O control do embarazo e do parto, así como o seguimento por parte dos pediatras dos primeiros meses dos nenos, reduciron de forma drástica nos últimos vinte e cinco anos a mortalidade nas últimas semanas de embarazo e no primeiro ano de vida do menor. Ata o punto de que en 1990 ambos os parámetros rozaban as 8 mortes por mil nados, fronte ás menos de tres defuncións que se rexistran actualmente no caso da mortalidade infantil.