Detido un veciño de Outeiro de Rei tras irromper na verbena disparando coa súa escopeta

Tania Taboada LUGO / LA VOZ

GALICIA

ALBERTO LÓPEZ

O home, de 26 anos, mantivo dous enfrontamentos con asistentes á festa antes de ir pola súa arma e causar o incidente. Quedou en liberdade tras pasar a disposición xudicial á primeira hora

20 ago 2018 . Actualizado ás 20:07 h.

Axentes da Garda Civil arrestaron na madrugada do domingo a un home que irrompeu disparando coa súa escopeta na verbena que se estaba celebrando na parroquia de Bonxe, no municipio lucense de Outeiro de Rei. Todo transcorría con total normalidade no campo da festa -onde grupos de amigos e familias, cos seus fillos menores, gozaban da orquestra- ata que se presentou no lugar un grupo dunhas seis presentas. «Chegaron dous mozos, dúas mozas e outros dous homes máis maiores. Tiñan unhas pintas moi raras e unha actitude moi prepotente. Notábase que viñan con ganas de pelexar. Un deles iniciaba as liortas, os outros acudían despois e un terceiro andaba por alí vixiando. O primeiro que fixo o que acabou sendo detido foi encararse cun membro dunha familia, dunhas 30 persoas, que gozaban ao carón da barra cos seus cativos», explica unha testemuña, que prefire manterse no anonimato.

Seguindo o relato desta persoa, que se atopaba tamén na barra, unha vez acabada a disputa o suposto agresor fuxiu e a familia tamén abandonou a verbena. «Ao cabo dunha media hora, esta mesma persoa volveu coa moza e, nesta ocasión, ameazou a outro rapaz que estaba na festa. Díxolle que traía unha pistola e que tiña tres tiros: un para el e outros dous para os seus amigos», explica esta testemuña, que relata que a continuación un dos compañeiros do agredido acudiu no seu defensa e comezou unha segunda pelexa, que acabou co detido abandonando novamente o lugar.

Pero os momentos de máxima tensión vivíronse pasadas as dúas e media da madrugada, cando supostamente leste mesmo individuo presentouse nun camiño situado ao lado da festa e efectuou cunha escopeta de canón recortado dous disparos aoaire . Varias persoas viron como o home disparaba, e entraron no campo da festa alertando do que viran. Sobre as 2.50 horas empezaron as chamadas á Garda Civil, que despregou varias patrullas no lugar dos feitos. 

Forcexos

Tras efectuar os disparos o home regresou ao campo, pero cando avistou aos axentes fuxiu do lugar. Os gardas, tras falar con varias testemuñas, perseguiron ao individuo, que se escondeu detrás dun turismo e guindou as chaves do seu vehículo debaixo doutro ao verse reducido. Os axentes localizáronas e, tras abrir o seu coche, incautáronlle a escopeta. Detiveron ao home e trasladárono aos calabozos da Comandancia de Lugo.

Xa en liberdade

O arrestado, veciño de Outeiro, nacido en 1993 e que reside nunha casa de alugueiro da zona pasou hoxe a disposición xudicial. O xuíz tras escoitar a súa versión dos feitos decidiu a súa posta en liberdade. Impútaselle un posible delito de tenencia ilícita de armas.