«Cando saio en bicicleta a miña filla despídese cun "ten coidado, papá" no canto de con un "pásao ben"»

a. S. / M. S. REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

CAPOTILLO

Para o presidente da Federación Galega de Ciclismo algo está a fallar á hora de protexer aos que elixen as dúas rodas

18 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Para Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo, algo falla á hora de protexer aos ciclistas. As infraestruturas e as estradas, e a educación, son os aspectos técnicos, e sociais, a mellorar.

-Que hai que ter en conta para realizar un carril bici?

-O primeiro que hai que ter en conta é a zona, a afluencia de ciclistas, o uso que se lle vai a dar, e sobre todo a contorna. Débese contar coas asociacións, con xente que practica ou que pode utilizar o carril bici: federacións, asociacións deportivas, asociacións que promocionen as bicicletas, clubs deportivos da contorna… Que se asesoren con eles, porque, ás veces, fan verdadeiras aberracións. Cousas con boas intencións pero que ás veces non son útiles, nin accesibles. Nas cidades estase mal utilizando, porque deberían asesorarse.

-Houbo algún tipo de melloras?

-Hai cidades que van por diante, pero sobre todo hai moito que mellorar. Xa non é só o tema do carril bici, porque hai que diferenciar o que é o uso da bicicleta ultimamente da práctica deportiva. Nesta última hai que utilizar a vía pública con mellores infraestruturas: beiravías limpas, transitables e dun e medio, estradas transitables, estradas con bo asfalto, boa visibilidade… Iso é o que sobre todo temos que mellorar, as infraestruturas e as nosas estradas.

-Que tipo de pegas ten o plan actual?

-Algo está a fallar, sin duda, porque a historia se repite cada vez máis. As mortes de ciclistas a mans de xente que colle o coche baixos os efectos da droga, e xente nova, como os últimos casos, sinalan que algo está a pasar nas autoescolas directamente. Esa xente que sae co carné non sabe dabondo que non se pode beber nin estar baixo os efectos das drogas para conducir? Estamos a falar de xente que acaba de sacar o carné fai pouquiño.

-Que xeitos cre que hai para conseguir seguridade?

-O primeiro é a educación, a educación desde pequeno, a educación en campañas de seguridade viaria, nos colexios. Necesítase un cambio na normativa, que é o que se está pedindo, unha lei xusta. Non é lóxico que collas un coche bebido e drogado e que mates a unha persoa e non esteas nin 24 horas no cárcere. É o que pedimos as asociacións á ministra de Xustiza, que cambien a reforma do Código Penal, e sobre todo a mellora da educación viaria e da formación e seguridade ao director da DXT. Teñen un gran traballo amais da mesa. Triplicáronse as mortes de ciclistas, peóns e condutores de motocicletas, uns colectivos vulnerables, no noso país.

-É a lexislación española en materia de seguridade viaria relacionada coas bicicletas equiparable coa de países da nosa contorna?

-Non, sin duda. Non só o tema do ciclista deportivo, senón que agora estamos vendo un cambio no noso modelo de vida. A bicicleta agora úsase como un medio de transporte. A diferenza con eses países é debida á mentalidade e á falta de apoio das institucións, que non promocionan o que é un vehículo sostible e que ademais é bo para a saúde. Por cada euro investido en hábitos deportivos afórranse entre uns sete e dez euros en gastos sanitarios. España é líder en obesidade infantil, e Galicia é líder no territorio nacional. Os nenos obesos de hoxe serán os maiores hipertensos, cardiópatas e diabéticos do mañá. Non se incentiva a que a xente poida usar outros medios de transporte, e neste caso a bicicleta. As nosas cidades non se adaptan para que se poida usar de forma segura. Cando saio en bicicleta a miña filla despídeme cun «ten coidado, papá», no canto de dicirme «goza do día, pásao ben». Directamente o noso deporte acábase de converter nun deporte de máximo risco.