Carmen Avendaño: «Para os grandes narcos a reinserción non existe»

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Alejandro Martínez

A presidenta da fundación Érguete cre que Manuel Charlín, «non ten escrúpulos»

10 ago 2018 . Actualizado ás 15:16 h.

«Para os grandes narcos, a reinserción non existe». Así se expresaba onte Carmen Avendaño, presidenta e coordinadora da fundación Érguete, tras a detención de Manuel Charlín e un dos seus fillos polo comiso dun barco con cocaína. En declaracións a Europa Press, Avendaño admitiu que a detención do patriarca do clan dos Charlines, de 85 anos, sorprendeulle: «Parece difícil entender que unha persoa como este señor siga nestes oficios cando se supón que xa debería ter máis que suficiente».

A presidenta de Érguete felicitou ás forzas de seguridade do Estado polo operativo e lamentou que se volvan repetir os mesmos nomes: «Algo que é fóra do normal», e que demostraría, na súa opinión, que o patriarca do clan «non ten escrúpulos». Engadiu Avendaño: «É evidente, é el e parte da súa familia, ten á súa filla Josefa, que é a que levou a maior parte da organización, é un negocio arraigado neles e vexo difícil que o deixen, aínda que teñen os medios suficientes para vivir toda a súa vida». Para esta líder, «é unha vergoña ver o dano que fan, pois cando empezan podía ser que non soubesen o dano que facían, pero co paso do tempo demostrouse a cantidade de xente que quedou polo camiño polo consumo de estupefacientes». Avendaño cre, con todo, que o problema non é tan dramático como a finais do século pasado.