O regreso de galegos desde o Reino Unido creceu un 77 % en cinco anos

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

O temor ao «brexit» está incrementando os regresos. Venezuela é o país con máis retornados, máis de 2.000 só durante o 2017

29 jul 2018 . Actualizado ás 17:55 h.

Volver. É, salvo excepcións. un verbo que utilizan os emigrantes galegos cada vez que falan do día que encerraron a súa vida nun espazo tan pequeno como é unha maleta e fóronse a outro país a buscar traballo. Volver era unha idea, apenas un anhelo que se afastaba un pouco máis cada vez que España se daba de bruzos coa fría estatística. A economía non melloraba. A xente seguín saíndo a procúraa dun futuro mellor. Desde hai un tempo, ese anhelo vaise convertendo aos poucos en proxecto. En algo tanxible. Nunha realidade. Regresar.

No 2017 foron máis de 6.200 os galegos que volveron, o que supón un incremento do 21 % con respecto ao ano anterior. As cifras absolutas poñen a Venezuela en primeira posición, e con moita diferenza. Case un terzo dos retornados do ano pasado proceden do país latinoamericano. En termos relativos, con todo, Reino Unido ponse á cabeza. Segundo a Secretaría Xeral de Emigración, as illas británicas experimentaron o maior incremento de retornos nos últimos cinco anos. En concreto, o regreso de galegos desde o Reino Unido incrementouse un 77 % entre o 2013 e o 2017. Neste 2017, segundo os últimos datos, foron máis de 300 os que abandonaron o país británico para volver instalarse en Galicia. En total, nun lustro volveron do Reino Unido preto de 1.200 galegos.

Desde aquel día no que o Reino Unido votou que xa non quería formar parte da Unión Europea, a primeira explicación que se dá para este incremento de retornados no Brexit, a incerteza sobre como vai negociarse a saída dos británicos da Unión. É verdade que o Brexit afectou e non só aos españois. Pero non é a única explicación para un fenómeno que tamén afecta a outros países europeos e tamén suramericanos. No fenómeno da emigración e o retorno mestúranse moitísimas variables, entre elas as emocionais e, por suposto, as económicas.

Aínda que o Reino Unido é o que viu incrementado de forma sorprendente o número de retornos, o país de Europa que está á cabeza, e con bastante diferenza, é Suíza. De alí regresaron en cinco anos máis de 2.750 galegos, dos que case 800 fixérono no 2017.

Francia e Alemaña son os outros dous Estados europeos dos que están a volver máis galegos. Nos últimos cinco anos, do país galo saíron algo menos de 1.200 galegos, mentres que procedentes de Alemaña volveron a Galicia un milleiro de persoas. Só no Reino Unido disparouse o número de retornos, case o dobre no 2017 que no 2013, cando a cifra de retornos a Galicia foi de 172 persoas. Ese mesmo ano, de Suíza volveron 424 galegos, de Francia 232 e de Alemaña 185. 

Tamén de América

Claro que non só de Europa están regresando os emigrantes galegos. Tamén do outro gran foco da diáspora han ir volvendo emigrantes. Venezuela segue estando á cabeza. Se no 2017 a cifra de retornados superaba os 2.000, o 2016 pechouse con case 1.500 galegos deixando o país venezolano para instalarse de novo alén do Atlántico.

Hai tamén unha importante comunidade galega nos Estados Unidos. De alí volveron o ano pasado 305 galegos, un número lixeiramente inferior ao do ano anterior. No 2016 os retornados procedentes dos Estados Unidos foron 322. Brasil tamén repetiu no 2017 cifras semellantes ás do 2016, con 341 galegos regresando a casa.

Dos países americanos con maior número de emigrantes retornados, só hai un que parece ter unha tendencia á alza. Se no 2016 regresaron de México 189 persoas, o ano pasado, segundo os datos que achega a Secretaría Xeral de Emigración, retornaron a Galicia 214 persoas.

Case a metade do medio millón de emigrados teñen menos de 45 anos

Galicia púxose o obxectivo de facer regresar ese talento que se ha ir perdendo cos embates da crise económica. O seu obxectivo? Que en dous anos regresen do estranxeiro unhas 20.000 persoas. Intentarao a través de máis de medio centenar de medidas, que compoñen a coñecida como Estratexia Retorna 2020, que coordina a todos os departamentos do Executivo autonómico. A través desas 53 medidas haberá un investimento directo de 16 millóns de euros no colectivo de retornados, aos que hai que sumar 220 millóns máis para o total do programa.

O panorama que ofrece a estratexia posta en marcha polo Goberno autonómico deixa unha cifra superior aos 516.000 galegos vivindo noutros países. Son once os Estados que aglutinan á inmensa maioría dos galegos do exterior. O 95 % dos emigrantes están fincados en Alemaña, Arxentina, Brasil, Cuba, Estados Unidos, Francia. México, Reino Unido, Suíza, Uruguai e Venezuela.

Deles, practicamente a metade -unha cifra superior aos 228.000- teñen menos de 45 anos. O obxectivo da Xunta é que o 60 % dos 20.000 emigrantes que se propón atraer de novo a Galicia estean nesa franxa de idade, é dicir, unhas 12.000 persoas. Entre as medidas atópanse as axudas ao retornado emprendedor, que permitiron pór en marcha polo momento un total de 87 proxectos empresariais.

Segundo os datos que manexa a Xunta, dese máis de medio millón de galegos residindo fóra da comunidade, sete de cada dez son xa de segunda xeración, é dicir, nacidos no exterior, mentres que o 30 % restante son persoas que naceron en Galicia e que posteriormente se trasladaron a outro país.

 

Só un de cada cinco dos que volveron o ano pasado son maiores de 65 anos

No 2007 as cousas empezaban a ir mal, pero aínda ninguén agardaba que fosen torcerse ata os niveis aos que se chegou nos anos máis duros dunha crise económica que empeza a parecer cousa do pasado. E cando as cousas van mal no económico, os primeiros que se van son os que están en idade de traballar. Son os que están a volver. Polo menos iso é o que reflicten as cifras que achega a Secretaría Xeral de Emigración. Desas máis de 6.200 persoas que decidiron volver instalarse en Galicia, apenas una de cada cinco é maior de 65 anos. Supoñen o 21,56 % de todos os retornados do 2017.

A maioría son galegos en idade de traballar. E moitos aínda non cumpriron os 45 anos. En concreto, o ano pasado máis da metade dos que optaron polo retorno son menores desa idade, ata sumar un total de 3.225 persoas. Os emigrantes galegos regresan, ademais, con fillos. Nese cómputo de menores de 45 anos, a franxa de idade máis numerosa é a dos menores de 16 anos, con preto dun milleiro de retornos. 

Chegaron máis españois

Tamén no resto do Estado o saldo migratorio recupérase. Por primeira vez en oito anos, é dicir, practicamente desde o estalido da crise, entraron no país máis españois dos que saíron. En concreto, son 1.700 persoas máis as que chegaron a España, segundo as cifras do Instituto Nacional de Estatística, que cifra en case 6.700 persoas máis o saldo migratorio de Galicia. É dicir, entraron na comunidade 6.700 persoas máis das que a abandonaron. Ademais, un terzo deses 6.700 novos galegos teñen idades comprendidas entre os 16 e os 44 anos. Do exterior entraron 7.209 persoas máis das que saíron, tanto españolas como doutras nacionalidades. Dellas, a metade están en idade de traballar.

De todos os xeitos, o INE reflexa que o ano pasado abandonaron Galicia unhas 5.200 persoas, das que aproximadamente a metade -un total de 2.246- teñen nacionalidade española. Outros 1.900 son orixinarios doutros países da Unión Europea. A maioría, preto de 900, teñen nacionalidade portuguesa, aos que hai que sumar preto de 500 persoas de orixe romanesa. Case 600 persoas de orixe suramericana abandonaron tamén Galicia o ano pasado. A maioría, un total de 199, teñen orixe brasileira.