Trinta e tres titulacións galegas, no ránking das 500 mellores do mundo

Noelia Silvosa
NOELIA SILVOSA REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

PACO RODRÍGUEZ

Un estudo desde Shanghái inclúe 17 da USC, 13 da UVigo e tres da UDC

22 jul 2018 . Actualizado ás 15:59 h.

Un total de 33 titulacións das universidades de Santiago, Vigo e A Coruña foron distinguidas entre as 500 mellores do mundo polo Academic Ránking of World Universities (ARWU), a listaxe que a Universidade Jiao Tongm, de Shanghái, elabora anualmente. Os resultados do estudo realizado no 2018 deixan un regueiro de mencións ás tres institucións galegas, e un total de 18 titulacións cóanse entre as 300 mellores na súa categoría.

Ata dezasete veces aparece recoñecida a USC, seguida da UVigo, con 13 mencións, e da UDC, con tres. A universidade santiaguesa aparece na escala que discorre entre os postos 401 e 500 cos estudos de Ciencias Biolóxicas Humanas e Medicina Clínica. No seguinte baremo, do posto 301 ao 400, foi recoñecida en Enxeñería Química e en Ciencias Biolóxicas. Destaca amplamente a USC no apartado científico, onde resultou recoñecida entre os postos 201 e 300 nun total de oito titulacións: Matemáticas, Física, Química, Ciencia e Tecnoloxía, Ciencias Enerxéticas, Ciencia Ambiental, Biotecnoloxía e Ciencias Agrícolas.

La Voz

O mellor resultado, para Vigo

Resulta rechamante atopar a UVigo na titulación de Ciencias da Alimentación, na que conseguiu quedar no baremo que discorre entre os postos 51 e o 75 mellores do mundo por segundo ano consecutivo. A USC tamén rexistra unha boa nota nesta categoría, cunha titulación dos postos 101 ao 150. Farmacia tamén presenta un dobre recoñecemento para as universidades galegas: Santiago atópase na escala 151-200, mentres que A Coruña figura na 401-500.

A universidade coruñesa repite nota nos estudos de Ciencia e Enxeñería Computacional, mentres que en Enxeñería Civil obtén a súa mellor puntuación, quedándose entres os postos 151 e 200.

A área de coñecemento na que máis veces aparece mencionada Vigo é a de ciencias naturais, onde se inclúe entre as 200 e as 400 mellores universidades do mundo nas titulacións de Química, Ciencias da Terra, Ecoloxía e Ciencias Atmosféricas. A institución viguesa tamén figura en Oceanografía (onde queda na pinza de 101 a 150), en Electricidade, Enxeñería Química, Ciencias Ambientais, Ciencias de Materiais e Enerxéticas; sen esquecer os estudos de Biotecnoloxía e Ciencias Agrícolas.

Máis de 1.200 universidades seleccionadas

Para seleccionar as universidades que forman parte do ránking (clasifícanse máis de 1.200 e publícanse as 500 mellores), a Universidade Jiao Tong, de Shanghái, ten en conta os premios máis prestixiosos acadados polo seu persoal e os artigos publicados. Todo iso baixo tres criterios: a cualificación científica, a calidade da educación e o rendemento institucional per cápita. O resto decídese polos premios e citacións noutras publicacións.