Impotentes ante a invasión de velutina

antía s. / l. l. REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

ANGEL MANSO

Queixas dos concellos ante a «escasa» axuda da Xunta, que di que fai o que pode

28 ago 2018 . Actualizado ás 13:48 h.

A morte de dous homes esta semana por picaduras de velutina reavivou o debate sobre a súa expansión imparable e sobre a mellor forma de combatela. E neste aspecto, o programa de control da Xunta non contenta a todos. Manuel Mirás, alcalde de Oroso (PSdeG) e Vicepresidente Executivo da Fegamp, puxo esta semana sobre a mesa as dificultades ás que se enfrontan os concellos para combater o problema das velutinas. «Desde a Administración Autonómica non se están pondo todos os medios que debesen ao alcance dos concellos», critica. A Fegamp asinou un convenio ao que se adheriron varios concellos da comunidade galega, consistente en facilitar a información necesaria para que esta sexa transmitida aos cidadáns e proceder á prevención e eliminación dos niños. «Á maior parte dos concellos déronselles dous traxes e unha pértega», denuncia Mirás, deixando patente a escaseza de medios. Engade que fan falta moitísimos máis medios para a retirada dos niños. Ditas axudas terían que «vir da Administración Autonómica», a responsable nesta materia.

Protección Civil ou funcionarios do concello son quen proceden á retirada dos niños nos concellos que se uniron ao convenio. Nos que non o fixeron, encárgase directamente da retirada «a Administración, a través dunha empresa pública». Ante isto, critica que sexan os propios concellos quen lle están pagando unha cantidade bastante elevada para retirar cada niño». Caldas avanzaba esta semana que estuda deixar o programa da Xunta.

Ante este problema, Medio Rural asegura seguir «traballando intensamente para loitar contra a expansión da velutina». Este ano retiraron, ou inactivado, 2.800 niños e aseguran que as cifras «demostran que se mantén o esforzo por parte do Goberno galego». Afirman ter entregado, en tres anos, 500 equipos de protección individual, 151 pértegas e 13.267 trampas aos apicultores, coas súas doses de líquido atraente. A «entrega de material non é a única forma de colaboración que se ofrece dende a Xunta», pois se realizaron 33 cursos nos que participaron 1.229 técnicos. Finalmente, recalcan que «a presenza dos concellos no programa de vixilancia é voluntario», deixando aos concellos a libre decisión de continuar ou non.