A Fiscalía pide un ano de cárcere para unha nai por dar un escobazo ao seu fillo

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

GALICIA

ALBERTO LÓPEZ

Ademais solicita que non se comunique con el e que non se achegue á súa casa de Viveiro

21 jul 2018 . Actualizado ás 08:37 h.

Pegarlle un escobazo ao seu fillo no medio dunha discusión no fogar familiar pode custarlle un ano de cárcere á nai. Polo menos esa é a pena que lle pide a Fiscalía polo que cualifica de «delito de malos tratos no ámbito familiar». Non só solicita que a proxenitora sexa condenada a prisión, senón que ademais pretende que se lle prohiba aproximarse ao seu fillo e ao domicilio que compartían. Tamén demanda que se lle impida comunicarse con el durante dous anos.

Case tanto tempo como o que pasou desde que ocorreu, a mediados de outubro do 2016. Sucedeu nunha casa do municipio lucense de Viveiro que o ministerio público describe como o «ámbito espacial e afectivo no que se desenvolven as relacións de convivencia familiar». Cando discutían nai e fillo, ela «asestou un forte golpe co mango metálico -da escoba- nas costas» do rapaz. Cumprindo a misión que lle encomenda a lei de «promover a acción da Xustiza en defensa da legalidade, dos dereitos dos cidadáns e do interese público», a Fiscalía considera que lle deu o escobazo «obrando con completo desprezo ao vínculo familiar que lle une ao seu fillo». Engade que a proxenitora o fixo «guiada na súa actuar de atentar contra a súa integridade física».

Pasadomañá, luns, está previsto que a nai se sente no banco dos acusados do Penal 2 de Lugo. A acusación popular opina que neste caso «non concorre circunstancia modificativa algunha da responsabilidade criminal». Ademais da prisión, da orde de afastamento e da prohibición de comunicarse co fillo, a Fiscalía solicita que a nai pague as costas xudiciais. O escrito oficial non explica se o rapaz resultou lesionado. Tampouco permite pescudar como chegou o caso aos tribunais, se por unha denuncia do fillo, das forzas de seguridade ou do persoal sanitario que puidese atendelo. E en ningún momento fai referencia á patria potestade.

A máis alta por ser un menor e ocorrer no fogar familiar

Fiscalía invoca na súa petición os apartados 1, 2 e 3 do artigo 153 do Código Penal. Por golpear ou maltratar de obra sen causar lesión, ou por menoscabo psíquico ou lesións de menor gravidade, o 1 establece unha condena de seis meses a un ano de prisión ou de 31 a 80 días de traballos en beneficio da comunidade. E o 3 indica que se imporán na metade superior se hai menores ou sucede no domicilio común.