África queda a calor de Galicia

Xavier Fonseca Blanco
xavier fonseca REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

XAIME RAMALLAL

Galicia non sufriu aínda ningún evento de temperaturas extremas, pero o feito de que África non poida expulsar a calor supón unha ameaza

17 jul 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Os episodios de altas temperaturas este verán cóntanse cos dedos dunha man. E non só en Galicia, senón en toda a Península. Nuns días consumirase o primeiro mes do período estival e aínda non se rexistrou ningunha onda de calor nin tampouco valores por amais dos corenta graos. Esta semana, o termómetro manterase novamente por baixo dos trinta graos de forma xeneralizada. Unicamente na provincia de Ourense podería superarse lixeiramente a barreira dos 30 graos.

Toca preguntarse entón onde se meteu a calor propia desta época do ano. Climatológicamente estes días son os máis calorosos no hemisferio boreal xa que a radiación solar é moi alta e o aire frío da primavera desapareceu. Con todo, a estación mantén un perfil baixo e as temperaturas mesmo marcan valores por baixo da media.

Non existe unha única explicación, dada a complexidade da dinámica da atmosfera, pero todo apunta a que o aire cálido que brilla pola súa ausencia en Galicia está a acumularse no noroeste de África.

O comportamento actual do anticiclón dos Azores non permite liberar a calor africano. Cando as altas presións se sitúan no Reino Unido, o aire chega desde o Sahara e as temperaturas, tantos as máximas como as mínimas, aumentan de forma notable na comunidade. Con todo, esta configuración ocorreu poucas veces. O máis habitual segue sendo que se sitúe ao oeste da Península.

Como o anticiclón non remonta cara ao norte, interrompeuse o transporte de calor desde o continente africano cara á Península. Isto provoca que o aire quente se amontoe no Sahara e que as temperaturas sexan moi elevadas, mesmo para o deserto máis cálido do planeta. O pasado 5 de xullo acadáronse en Alxeria 51,3 graos. A falta de confirmación, podería ser a temperatura máis alta que se mediu en África desde que existen rexistros.

Galicia non sufriu aínda ningún evento de temperaturas extremas, pero o feito de que África non poida expulsar a calor supón unha ameaza. Se as condicións fosen favorables, o aire podería chegar máis cálido do habitual. Neste sentido, a posición actual do anticiclón debería considerarse unha boa noticia xa que podería estar a impedir que Galicia rexistre temperaturas demasiado altas.