O Parlamento galego esixe ao Estado que abra a vía xudicial para recuperar o pazo de Meirás

A proposta foi aprobada por unanimidade de todos os grupos


O Parlamento galego aprobou este mediodía por unanimidade de todos os grupos unha proposición non de lei para esixirlle ao Estado que abra a vía xudicial que permita devolver ao patrimonio público o pazo de Meirás, en mans da familia Franco. O acordo prodúcese despois de que no pleno desta mañá En Marea, BNG e PPdeG defendesen proposicións de lei que divergían nalgúns aspectos, pero que coincidian no máis substancial: a recuperación da propiedade.

Tamén había coincidencia entre as forzas na necesidade de que a Xunta se presentase no proceso e no recoñecemento aos colectivos e persoas da memoría histórica que, desde hai xa tempo, loitaron por esta causa. Pero no debate previo ao acordo final houbo puntos de desencontro: primeiro, que facer coa propiedade, unha vez recuperada; o punto maior de desacordo estivo na posibilidade que recolle o informe da comisión de expertos creada pola Xunta, e que advertía da posibilidade de que a recuperación do pazo tivese un custo para o erario público pola indemnización que poderían recibir os Franco polos gastos correntes de mantemento da propiedade que puidesen xustificar desde 1975.

BNG e En Marea opuxéronse na defensa das súas proposicións, e o PP recordou de que esa é unha decisión que corresponde á Xustiza, un escenario que contempla o informe dos expertos, sen que diso poida deducirse que se asume como posicionamento político. Finalmente, os grupos salvaron este escollo acordando incluír na proposta unha mención que se refire a que a Cámara mostra o seu desacordo con calquera indemnización aos Franco.

Non prosperou a iniciativa do BNG de propor ilegalizar a Fundación Franco e recoller unha condena á denuncia e un apoio explícito aos 19 procesados denunciados polos Franco pola ocupación simbólica do pasado 30 de agosto. Unha mobilización que os nacionalistas emprenderon unha vez coñecido que era a Fundación Franco a que xestionaba unhas visitas nas que se enxalzaba a figura do ditador. Os integrantes daquela acción asistiu este mediodía ao pleno como público.

O acordo do Parlamento prodúcese unha vez elaborado o informe da comisión de expertos, que arroxou luz sobre un asunto que colea desde hai tempo. O pazo de Meirás xa foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) no 2011, unha proposta do bipartitos. A alternativa xurídica da comisión de expertos nomeados pola Xunta propón que o Pazo de Meirás pase a mans do Estado a través dunha acción reivindicatoria contra os herdeiros do ditador.

Isto significa, de facto, que a Administración Xeral presentaría unha demanda civil para reclamar que a propiedade sexa considerada como ben de dominio público afecto á Xefatura do Estado. Para iso, segundo os expertos, sería necesario acreditar o uso público de Meirás entre 1941 e 1975. Algo que, segundo as conclusións da comisión, queda suficientemente acreditado. Alí celebráronse consellos de ministros, como o de 1953, no que se aprobou a construción de Alvedro, e incluso o persoal do palacio do Pardo, funcionarios na súa maioría, prestaba tamén os seus servizos nun pazo que tiña carácter de residencia oficial.

Votación
6 votos
Comentarios

O Parlamento galego esixe ao Estado que abra a vía xudicial para recuperar o pazo de Meirás