Distribúen 19.000 carteis para ameazar con multas a quen non limpen o monte

Xurxo Melchor
xurxo melchor SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

emilio moldes

A campaña de Medio Rural envía exemplares a todos os distritos forestais galegos para advertir a quen incumpre a lei

21 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Miles de leiras por toda Galicia apareceron cun cartel plastificado que baixo o título en maiúsculas de «atención» advirten que o arboledo dese terreo incumpre as distancias mínimas que establece a Lei de Montes no que se refire ás franxas de seguridade de 50 metros que debe haber ao redor de todos núcleos de poboación e tamén das que afectan as vías de comunicación. No caso de estradas, autovías, autoestradas, vías rápidas ou ferrocarrís son dez metros sen piñeiros, eucaliptos nin acacias, que pasan a ser catro -seis nas zonas de alto risco- no caso de pistas forestais principais.

En total, a Consellería de Medio Rural enviou mil exemplares destes carteis a cada un dos 19 distritos forestais galegos. É dicir, que agora hai 19.000 preparados para apercibir aos que incumpran na limpeza das franxas de seguridade no monte. Iso non significa que vaian utilizarse todos, aínda que desde a Xunta se dá por feito que haberá zonas de Galicia nas que se esgotarán.

Cando un particular se atope cun destes 19.000 carteis nunha leira da súa propiedade sabe que ten tan só quince días para cumprir coa lei antes de volver ser inspeccionado. De obviar o apercibimiento, a Xunta pasará das palabras aos feitos e porá en marcha un expediente sancionador que pode culminar cunha multa económica. Son de entre cen e mil euros no caso das franxas de seguridade ao redor de núcleos de poboación e de entre 1.001 e 100.000 no de repoboacións ilegais. É dicir, por plantar eucaliptos, piñeiros e acacias onde había caducifolias -carballo e castiñeiros, entre outros- ou por non respectar as distancias mínimas esixidas. 

Período de alto risco

Medio Rural acaba de formalizar os tres primeiros meses do período de alto risco de incendios, que este ano por primeira vez estenderase ata outubro, o que obrigará a prolongar un mes máis os contratos do persoal de reforzo de verán, que ata agora tan só estaba operativo tres salvo que, como ocorreu o ano pasado pola onda incendiaria de outubro, fose necesario amplialo.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou xa onte a declaración de época de alto perigo de incendios forestais desde o 1 de xullo e ata o 30 de setembro. Non se incluíu outubro por razóns administrativas e burocráticas, pero xa está acordado e farase en plena campaña.

A inclusión de outubro dentro da época de alto risco de incendios responde á experiencia dos últimos anos, nos que durante este mes se deron condicións meteorolóxicas que favorecen os lumes, como fortes ventos do nordés e seca. No caso de que en outubro non fose necesaria a participación das brigadas de reforzo estival en tarefas de extinción utilizaríallas en labores de prevención.