Feijoo: «Este tren pasou antes de finalizar o meu compromiso con Galicia»

Domingos Sampedro
Domingos Sampedro SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

PACO RODRÍGUEZ

O presidente da Xunta e líder do PPdeG evita comprometer o seu apoio e di que agardará a ver o proxecto de cada candidato

19 jun 2018 . Actualizado ás 16:16 h.

O presidente da Xunta e líder dos populares galegos, Alberto Núñez Feijoo, referiuse este martes á súa decisión de non competir na carreira por suceder a Mariano Rajoy á fronte do partido, argüindo que «este tren pasou antes de finalizar o meu compromiso» con Galicia. «Cumprir a palabra dada ten que seguir sendo a regra e non a excepción», manifestou o mandatario autonómico á saída do Parlamento, tras admitir que houbo «moita xente» que o estivo animando a dar o paso.

«Eu tiña que explicar que non podía dar o paso», engadiu Feijoo, que confía en que o proceso interno do PP non desemboque agora, «en ningún caso», nunha guerra entre os diferentes aspirantes a alzarse coa presidencia do partido.

O máximo dirixente do PPdeG admitiu que na tarde do luns tivo a oportunidade de conversar tanto con Dolores de Cospedal como con Soraya Sáenz de Santamaría, e que ambas lle trasladaron a súa disposición a dar a batalla interna. «A miña preferencia? É a preferencia da maioría dos compromisarios, eu non me presento e imos ser respectuosos», insistiu Feijoo, quen pediu agardar ata o 4 de xullo a que cada candidato explique o seu proxecto e despois obrar en consecuencia. «Temos tempo, e tempo ao tempo», declarou un enigmático Feijoo, deixando o seu apoio no aire.