Julia Torregrosa: «Semella que hai máis diferenzas que coincidencias, pero non»

Susana Luaña Louzao
susana luaña SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Sandra Alonso

A deputada de En Marea trouxo a calma logo da cadea de dimisións no grupo; quizais por iso quere limar tensión e levarse ben con todos

18 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Julia Torregrosa (Barcelona, 1965) leva cinco semanas como deputada de En Marea no Parlamento de Galicia en substitución de Juan Merlo. Hai só uns meses, nin se lle pasaba polo maxín, por iso a maquinaria do Hórreo aínda a ten un chisco sorprendida: «O máis estresante son os prazos, andas todo o día a correr, iso é algo que desde fóra non se percibe».

-Merlo dimitiu, Hermida renunciou, pero Quinteiro segue a ser deputada. Todos de Podemos. Non cre que é unha contradición?

-Non atopo contradicións, cada un explicouno ben e son casos diferentes, e cada quen tomou a súa decisión. Agora está cada un a facer o seu traballo e non imos estar sempre a discutir por cuestións puntuais.

-Vostede tamén viviu a súa polémica polo caso do accidente de tráfico cun coche seu sen seguro.

-Todos somos persoas, eu estaba centrada no meu traballo e non me decatei de que o coche estaba sen seguro, pode pasarlle a calquera. Eu comprendo que agora son un personaxe público e que a túa vida está máis exposta; de non ser así, non tería interese para ninguén, pero xa din as miñas explicacións. Foi unha situación moi desagradable.

-Como naceu a seu compromiso político?

-Comencei no círculo de Pontevedra cando xa medraran os nenos, porque conciliar era moi complicado. De nova estiven en Xuventudes Socialistas, pero moi noviña, penso que facía COU.

-Votou na consulta polo chalé de Pablo Iglesias e Irene Montero?

-Votei.

-Non lle resulta contraditorio coa mensaxe de Podemos?

-Non, é unha decisión de cada quen, e eles decidiron que querían saber a opinión das bases e iso é respectable. Para min hai cousas máis importantes que o feito de que unha parella queira ter unha casa para os seus fillos.

-Pero vostede, como deputada de Podemos, ten un límite salarial.

-Nós o que queremos é que a xente viva cada vez mellor, pero parécenos ben o límite salarial porque agora hai xente vivindo en condicións precarias, e co noso soldo pódese vivir. De aí a que non poidas mercar unha casa...

-Vaise inscribir en En Marea?

-Estamos nun proxecto conxunto e iso é positivo pero sempre é difícil coordinar as relacións das diferentes familias. Pero tampouco vai ser unha decisión miña, vai ser unha decisión de partido.

-Pero En Marea é un partido de adscrición individual.

-Si, pero En Marea é un partido e Podemos tamén, e as decisión tomaranse entre cúpulas, eu nin sequera pertenzo ao consello autonómico, así que non teño ningunha decisión política, nin sequera opinión.

-Cerna fala de eliminar as cúpulas.

-As súas, supoño. En Podemos deciden os inscritos e as inscritas e calquera decisión que se vaia tomar será consultada previamente e eu, como unha máis, acatarei a decisión da maioría, como sempre fixen.

-Nas primarias, vostede ía na lista de Riobóo, e sen embargo agora traballa con Carmen Santos. Como é a súa relación con ela?

-Moi boa, respéctoa moito, é moi traballadora, batalladora e íntegra.

-E con Luís Villares?

-Moi cordial, xa o coñecía da campaña e coincidín con el algunhas veces en Pontevedra. Eu teño unha relación moi cordial con todo o grupo.

-O que transcende son sempre as divisións internas. Non é iso o que vostede percibe?

-É unha mágoa que só transcenda iso, pasa o mesmo dentro de Podemos. O que pasa é que somos un partido moi aberto e semella que hai máis diferenzas que coincidencias, e non é así. Non hai tantas diferenzas no grupo, as que hai xa se saben.