Un de cada seis galegos vive fóra

Mila Méndez Otero
mila méndez A Coruña / LA VOZ

GALICIA

Gallegos por el mundo
La Voz

A cifra volveu crecer en 5.000 este ano. Son máis de medio millón, pero só o 30 % naceron en territorio nacional

17 jun 2018 . Actualizado ás 18:08 h.

Non fallan en ningún recuncho do globo terráqueo. Ata nas nosas antípodas, en Nova Zelandia, escóitanse nomes tan autóctonos como o de Brais, un veciño de Santiago de Compostela de 32 anos, de apelidos Rodríguez Goyanes, que leva preto dunha década traballando alí. En todos os países con máis de 1.000 españois residentes vive un galego. De feito, un de cada cinco nacionais da diáspora, 2.482.808 en total, é da nosa comunidade. O último padrón de españois residentes no estranxeiro, o PERE do 2018, revela que máis de medio millón de persoas que teñen a Galicia como lugar de orixe fan a súa vida fóra das nosas fronteiras. Para ser exactos, 516.489 galegos.

Máis que no 2017

A cantidade crece respecto ao ano pasado. Son 5.000 máis que no 2017. Se en Galicia hai 2.708.339 persoas censadas, isto quere dicir que un de cada seis cidadáns galegos residen no estranxeiro. Se a esta cantidade sumásemos os que viven en territorio nacional pero fóra da comunidade, a proporción probablemente sería a dun de cada cinco.

América: a quinta provincia

A maioría atopámolos alén o Atlántico. 402.749 dos 516.489 censados no PERE viven nas terras descubertas por Colón, con Arxentina á cabeza. Alí habitan 175.906. O outro continente máis repoboado de galegos é Europa, con 109.399 en total. A maioría deles, 73.616, en idade de traballar. Con 41.114 galegos, Suíza lidera esta lista. Oceanía ten 1.967, case todos en Australia . Séguelle Asia, con 1.379. E, para rematar, África, con 995.

Exóticos fronte a clásicos

O Instituto Nacional de Estatística, o encargado de recompiar os datos, só ofrece información pormenorizada dos cidadáns españois por comunidades cando no lugar de destino supérase o número de mil residentes nacionais censados no PERE.

Así, sabemos ao detalle cantos galegos viven en 20 estados europeos e cales son estes. Tamén, a cantidade redonda dos que atoparon acubillo en 21 dos estados de América, en 12 de Asia, en catro de África e en dous de Oceanía. Con todo, os países de destino polos que fixeron as maletas son moitos máis. A maior dispersión rexístrase en terras africanas. No continente do que nos separa un estreito viven case mil galegos en Guinea Ecuatorial, Marrocos, Senegal e Sudáfrica. Son os catro estados con máis de mil residentes españois. Con todo, repartidos por outros países de África hai 507 galegos. O INE non especifica en que lugares.

En América están máis agrupados. Fóra da lista das vinte repúblicas, máis a monarquía do Canadá, cun mínimo de mil residentes españois, só viven 41 galegos nun continente constituído por 35 países. Moitos deles, principalmente no Caribe, microestados. No noso continente sucede algo parecido. Á marxe das principais potencias europeas viven 607 galegos dos máis de cen mil que hai en Europa.

En Asia, nos países con menos de mil españois, hai 249 galegos censados. Unha delas é a deseñadora compostelá Verónica Ouro, que traballa para unha firma de moda infantil en Kuwait desde o 2016. Outro, o chantadino Héctor Souto, preparador físico da selección absoluta de fútbol sala de Vietnam .

Nacidos en Galicia

Dese máis de medio millón de galegos que viven fóra, só 154.312 viñeron ao mundo en Galicia ou noutra parte de España. Polo tanto, só un 30 % son nados en territorio nacional. O resto, presuponse, son descendentes, na súa maioría fillos e netos, dos primeiros galegos emigrados das súas familias. Iso si, con nacionalidade española todos. A diferenza entre nados e non nacidos en Galicia varía moito segundo o continente. Sobresae América. Alén do charco, desde o hemisferio sur ao norte, residen 402.749 galegos. Deles, só 94.480 foron alumados no noso país. É dicir, apenas o 10 % ou un de cada dez.

O caso de Cuba

Este desequilibrio chama especialmente a atención na illa caribeña. Dos 42.116 cidadáns españois de orixe galega que viven en Cuba, só 420 naceron en territorio nacional. Son menos do 1 % do total. A asimetría entre nados e non nacidos tamén é palpable en rexións máis exóticas para as nosas latitudes. Só que aquí a relación é á inversa. En Australia, 1.120 dos 1.886 galegos que habitan alí son orixinarios de Galicia. En Arabia Saudita, 92 dos 111, en Catar , 48 dos 69, e en Guinea Ecuatorial, 49 dos 59 galegos veciños da república centroafricana. No conxunto de Europa son algo máis da metade, 57.293 dos 109.399 totais.

Por provincias

Entre os emigrados, non rompe o equilibrio da poboación das súas provincias de partida. Por esta orde, hai 179.524 coruñeses no exterior, 150.674 pontevedreses, 113.691 ourensáns e 72.610 lucenses. A diáspora tamén se fai maior. 152.275 destes galegos teñen máis de 65 anos. 53.193 son menores de 16 e 311.021 están en idade de traballar.