A radiación ultravioleta dispárase

O astro rei emite outros tipos de enerxías que os seres humanos non poden percibir coa vista

Coidado coa radiación ultravioleta O íncide de raios ultravioleta, moi prexudiciais para os seres humanos, alcanza oito actualmente. Considérase un nivel moi alto.

REDACCIÓN / LA VOZ

O tempo seco e as altas temperaturas actuais gózanse na praia. Pero ollo co sol porque nesta época do ano xa representa unha ameaza. O astro rei, ademais da radiación visible que ilumina a Terra, emite outros tipos de enerxías que os seres humanos non poden percibir coa vista. Por exemplo, radiación térmica infravermella, que actualmente intervén no quecemento global, ou tamén ultravioleta, máis enerxética que a infravermella. Os raios ultravioleta son o inimigo invisible que chega desde a estrela. O perigo reside en que a diferenza doutras radiacións non vén acompañada de calor. Isto explica porque é tan fácil danar a pel sen que un se de conta.

O índice de intensidade ultravioleta oscila entre un e nove e aumenta e diminúe segundo a época do ano. Agora mesmo, o valor atópase en ascenso e seguirá así durante os próximos meses xa que cada día que pasa o solsticio de verán está máis preto. Iso significa que o sol se atopa na súa altura máxima respecto ao horizonte de todo o ano. A cifra alcanza xa o número oito considerado como moi alto. Con estas condicións recoméndase un tempo máximo de exposición de quince minutos e ademais usar un factor 50 de protección solar. O peor momento para tomar o sol sempre é durante o mediodía, cando alcanza o cénit. A Terra dispón dun escudo para frear boa parte da radiación ultravioleta. A capa de ozono que hai na estratosfera bloquea o paso destes raios tan prexudiciais. Sen esta protección, a vida no planeta non sería posible. Nos anos oitenta a emisión de certos gases chamados CFC (clorofluorocarbonos) comezaron a reducir a concentración deste gas, provocando un aumento notable dos casos de cancro en países como Australia. En 1997 a comunidade internacional asinou o protocolo de Montreal para deixar de danar a capa de ozono. Desde entón a concentración aumenta e o risco diminúe cada ano. Iso si, hoxe tomar o sol é máis perigoso que hai medio século. Os nenos deben ter especial precaución. A ciencia descubriu que a maior parte da radiación ultravioleta que alcanza a un ser humano ao longo da vida ocorre durante os primeiros 18 anos.

Votación
18 votos
Comentarios

A radiación ultravioleta dispárase