«Os veciños seguen veña e dálle sen querer o ascensor, e para min saír da casa segue supondo 40 euros ao día»

E. Á. SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

XOAN A. ADOITAR

Belén Escudero non pode saír da casa sen a axuda dunha empresa de ambulancias

16 may 2018 . Actualizado ás 18:07 h.

A maioría son persoas maiores con problemas de mobilidade, pero non son as únicas. Belén Escudero non chega nin aos 50 anos, pero tamén está encerrada en casa por non contar cun ascensor. Vive no barrio de Conxo, en Santiago, nun terceiro, e ten esclerose múltiple. Desde hai anos pelexa xunto á súa nai para que a comunidade acepte instalar un ascensor, pero non lograron o apoio suficiente dos veciños: «Seguen veña e dálle, e a min saír da casa suponme 40 euros ao día». Corenta euros porque para desprazarse necesita que cada mañá veña un traballador dunha empresa de ambulancias que a baixa e sóbea nunha cadeira adaptada: «Os cinco días da semana que vou a Foltra -unha clínica situada nos arredores de Santiago- xa son fixos, e se a fin de semana quero facer algo teño que volver recorrer á empresa, na que son moi agradables, pero que supón un dineral», explica. 

A situación de Belén é complicada, porque no seu caso non se trata de que non se poida instalar un ascensor, senón de que os veciños non a apoian. Na última reunión da comunidade volveu obter unha negativa por resposta, polo que recorreron á Consellería de Política Social. A Xunta comprometeuse a que a comisión técnica de accesibilidade elaboraría un escrito para remitir ao Concello de Santiago e explicar o caso de Belén, e que cando tivese unha resposta se poría en contacto con elas. Así que de momento están á espera.

Belén asegura que teñen dereito a esixir que se instale o ascensor. «Na Xunta dixéronnos que a lei marca moi claramente as cousas, e en situacións como a nosa, a miña pola minusvalía e a da miña nai pola idade, temos máis que dereito», explica.

O problema é quen asume o custo do ascensor. É un proxecto caro porque necesita que se faga unha pequena obra, e aínda que a lei obriga a instalar o ascensor se hai unha persoa maior de 70 anos ou con algunha discapacidade, os veciños só están obrigados a pagar unha anualidade da comunidade para instalalo.

Existen axudas para colocar ascensores en edificios que non contan con el, pero Belén cre que os veciños non poden aducir razóns económicas para non facelo, porque todos os pisos menos dous -son dezaoito en total- están alugados a estudantes e levan anos así, «e ademais para instalar un ascensor hai subvencións e prazos, non hai que pagar de golpe todo, polo que as razóns económicas que aducen non convencen». Belén, profesora de secundaria, confía en que a situación se resolva, aínda que cando se lle pregunta se houbo novidades no último ano admite que «a resposta é moi cortita: non».