Ultimato da Xunta aos sindicatos de Xustiza para que acepten a súa oferta

Os funcionarios poderían quedar sen os aumentos xa consolidados si as centrais rexeitan o acordo


santiago / a voz

Os sindicatos da Xustiza saíron da mesa sectorial coa Xunta sen unha soa concesión por parte da Administración e cunha difícil encrucillada que afrontar. A negociación durou só unha hora, porque non houbo negociación. O Goberno galego puxo sobre a mesa a súa última oferta de mellora aos funcionarios e non aceptou cambiar nin unha coma do documento. É máis, lanzou un ultimato ás centrais para que acepten ou rexeiten definitivamente o acordo. Terán que dar unha resposta antes do venres ás 14 horas.

Tres deses sindicatos, CUT, CIG e STAJ, non necesitaron nin un minuto para anunciar que rexeitarán o acordo porque entenden que é «unha cacicada» ou que supón «aplicar o rolete». As tres organizacións sosteñen que os traballadores xa o impugnaron nas votacións celebradas o 27 de abril, nas que o non á oferta da Xunta impúxose por apenas noventa votos nunhas eleccións cheas de tensión nas que houbo ameazas, coaccións e presións a moitos funcionarios para que non desen o si ao pacto co Goberno galego.

As outras catro centrais, SPJ-USO, UGT, CSIF e CC.OO., saíron da mesa sectorial claramente insatisfeitas co ultimato da Xunta, pero anunciaron que antes de tomar unha decisión consultarán aos seus militantes e simpatizantes que postura tomar. Consideran que o Executivo autonómico comete «un novo erro» por non modificar nadiña de nada unha proposta que foi rexeitada.

Os sindicatos teñen ante si unha difícil decisión que tomar. O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, advertiu que no caso de que non haxa un mínimo consenso e de que algunhas centrais acepten o acordo, a Xunta entenderá que queda «liberada de compromisos e dos ofrecementos que se fixeron». É dicir, que poderían aplicar unilateralmente a súa última oferta, pero tamén non facelo, co que os funcionarios perderían todo o conseguido nestes máis de tres meses de conflito.

Durante a folga, os sindicatos foron rabuñando aos poucos melloras ata lograr que a Xunta aceptase unhas subidas económicas que incluso están por encima das pretensións que, en privado, aseguraban ter ao comezo do conflito. Eses incrementos son de 140 euros ao mes para os forenses, 135 para os xestores, 127 para os tramitadores e 122 para o corpo de auxilio. Cantidades das que percibirían xa o 50 % este ano, outro 30 % en xaneiro do ano que vén e o 20 % restante no 2020. Xustiza exponse, ademais, suprimir os servizos mínimos aínda vixentes, dado que, na práctica, non hai folga aínda que non teña sido desconvocada.

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
10 votos
Comentarios

Ultimato da Xunta aos sindicatos de Xustiza para que acepten a súa oferta