A muller á que puideron dar burundanga di agora que a tiraron para roubarlle o bolso

TANIA TABOADA LUGO/ LA VOZ

GALICIA

kike

As mostras foron enviadas ao Instituto Nacional de Toxicoloxía e os resultados tardarán unhas semanas

16 may 2018 . Actualizado ás 17:34 h.

A lucense de 33 anos que á primeira hora da mañá do sábado apareceu tirada e sen roupa interior nun punto do adarve da muralla de Lugo cambiou a súa versión. A muller, que volveu declarar na comisaría de Policía Nacional de Lugo, di agora que ía camiñando pola muralla cando un individuo descoñecido la empurrou coa intención de roubarlle as súas pertenzas. Engadiu que tras recibir o empuxón ela caeu ao chan.

A muller, que apareceu con feridas no rostro, xeonllos e xenitais, presentouse na comisaría da Policía Nacional de Lugo ás sete e vinte da mañá do sábado. Indicou aos axentes que non se acordaba de nada, que non sabía onde estaban as súas pertenzas e que se sentía avergoñada porque se atopaba sen roupa interior. Dado o contexto, os axentes preguntáronlle por algún familiar para contactar e a muller sinalou ao seu pai e facilitou o seu número de teléfono móbil. Desde a comisaría chamaron ao pai para informarlle do lugar e da situación na que estaba a súa filla.

A continuación, unha patrulla da Policía Nacional acompañou á vítima ao HULA para que os médicos puidesen comprobar o seu estado de saúde, curásena da súa ferida no rostro (á altura do pómulo dereito) e para que lle practicasen as xestións médicas necesarias para esclarecer os feitos. A moza accedeu voluntariamente a ser acompañada ao hospital polos axentes.

Unha vez no hospital, os profesionais sanitarios fixéronlle varias probas e extraéronlle sangue para realizar a posterior analítica. Estas mostras foron remitidas ao Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias Forenses, con sede en Madrid. Dada a complexidade destas probas, os resultados adoitan tardar unhas semanas. Esas análises contribuirán á unidade de criterio científico e á calidade da pericia analítica. 

Agardar ás análises

O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, confirmou que se presentou unha denuncia ante a Policía Nacional e pediu agardar ao resultado desas análises para determinar que puido ter ocorrido e se a muller tomou algunha sustancia e de que tipo, aínda que Villanueva sinalou que nun primeiro momento «todo indica que puidese non ser burundanga».