Los dueños del centro de Galicia: «É un orgullo»

Os propietarios do quilómetro cero de Galicia, en Antas de Ulla, queren transformar a zona para os turistas

Os donos do centro xeográfico de Galicia En lugar de Nugallás, en Antas de Ulla, está o auténtico quilómetro cero da comunidade.

redacción / a voz

Fai dez anos Fidel, veciño de Antas de Ulla, atopou xunto ao peche da súa leira, no lugar de Nugallás, un fito xeográfico. «Levei un desgusto porque pensei que unha estrada ía atravesar a miña propiedade», explica. Con todo, pasaron os días e ninguén se puxo en contacto con el, así que decidiu acudir ao concello e preguntar. «Explícaronme que o Instituto Xeográfico Nacional fixera unhas medicións na zona e que a miña leira lles saíra como o centro xeográfico da comunidade», engade. Aquela non era precisamente a resposta que esperaba, pero non puido conter a emoción. O seguinte paso que deu foi escribir á Deputación de Lugo, presidida entón por Francisco Cacharro. «Quedaramos nun acordo de que se ía facer algún tipo de recoñecemento, pero pouco despois deixou a Deputación e aí acabou todo», lamenta.

Fidel non foi o primeiro en intentar dar a coñecer a zona. No 2006, o alcalde, Javier Varela (PP), guiándose pola súa intuición, iniciou unha investigación para tratar de esclarecer onde estaba o quilómetro cero de Galicia. «Falamos co Instituto Xeográfico Nacional e enviounos un informe no que se explicaba que, se había un centro, estaba efectivamente en Antas. Déronnos unhas coordenadas que coincidían coas de Nugallás. Pero dende o IGN dixeron que non nos podían dar un certificado», di Varela.

Sen un documento oficial que recoñecese Antas como o centro de Galicia, o lugar de Nugallás caeu no esquecemento máis dunha década, ata o pasado 6 de maio, cando La Voz de Galicia publicou un artigo no que se demostraba con cálculos da Universidade de Santiago que o quilómetro cero non está en Lalín, como moitos pensan, senón na localidade lucense de Antas de Ulla. «Estamos moi contentos. Ás veces as cousas non son verdade ata que saen na prensa. O artigo en La Voz marca un antes e un despois. Agora chámannos de todas partes, incluso de fóra de Galicia, para felicitarnos», recoñece o rexedor.

O verdadeiro centro de Galicia está en Antas de Ulla Unha medición cartográfica oficial sitúa o punto central da comunidade no municipio lucense, nun lugar apartado de calquera núcleo urbano.

Un dos lectores do artigo de La Voz foi José Anxo Cela. Enseguida recoñeceu a fotografía e as coordenadas do lugar. Alí ten unha das súas propiedades. Concretamente, unha carballeira centenaria. «Temos carballos que non foron podados como se facía antigamente para ter máis leña, que era a principal fonte de enerxía», comenta Cela. En Nugallás un pode atopar parte da esencia que define Galicia: rural, verde e con carballos. Na carballeira de José Anxo, que ten máis de cen exemplares, pódese aprender in situ o significado da selección natural. «Pódense ver algúns carballos pequenos podres e tirados no chan porque hai outros máis grandes que están moi xuntos e comen o pequeno, que vai para abaixo», explica. «É o encanto que ten. Mellor que estea aí que nunha rúa dunha vila. Pódese ver o que é realmente Galicia. Por un lado os piñeiros, por outro os carballos, incluso algún eucalipto se pode ver de lonxe», describe Varela. «Eu sempre presumo de que a miña leira está no centro xeográfico de Galicia. O contorno é moi bonito e nós somos moi boa xente. Isto que nos está pasando é marabilloso porque estamos mortos e non nos coñecen. Agora, polo menos, a xente poderá dicir que vai visitar o centro de Galicia. Moita xente tenme preguntado onde está o centro de Galicia. Agora xa podo responder. Na miña propiedade», asegura Fidel Pereiro.

Os propietarios das leiras de Nugallás, o goberno local e o resto dos partidos afrontan un reto ambicioso, difícil, pero que podería deixar pegada. Xuntos deben colaborar para que o verdadeiro centro xeográfico teña por fin o recoñecemento que se merece. Todos coinciden en que a posta en valor do lugar debe ir moito máis alá da instalación dun monólito ou dunha placa identificativa. «Ten que haber unha transformación física importante, pero mantendo sempre a esencia do lugar», apunta José Anxo Cela, ao que non lle importaría que a súa fermosa carballeira puidese ter algo parecido a un merendeiro para os turistas. «Temos que buscar ideas novas, pero ao mesmo tempo ser moi respectuosos co contorno. Este debe ser un proxecto non só para os veciños de Antas de Ulla, senón para todos os galegos. Cando veñan aquí teñen que sentirse identificados, xa sexan de Ourense, de Pontevedra ou da Coruña. Podería estar ben, por exemplo, colocar os puntos cardinais que informen sobre a distancia que hai a diferentes lugares do norte, sur, leste e oeste da comunidade», propón Javier Varela.

O punto central de Galicia, en Nugallás, abarca unha área duns 300 metros

Coñecer onde está o quilómetro cero de Galicia non é precisamente unha tarefa sinxela. A comunidade galega ten unha forma xeométrica moi complicada. «Galicia é un polígono irregular con máis de cen mil vértices e moitísimos lados. Nun polígono destas características hai que calcular o que cientificamente se coñece como centroide», explica Ramón Chao, profesor titular de Xeografía na Universidade de Santiago.

Os cálculos avalados polo Instituto Xeográfico Nacional, que dan como resultado unhas coordenadas, sitúan o centro no lugar de Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante. Máis difícil resulta aínda pescudar onde está o punto exacto. «Unha coordenada é un punto máis ou menos exacto. Por exemplo, si expresamos un posición en coordenadas xeográficas (latitude e lonxitude) só con precisión de segundos, sen décimas nin centésimas de segundo, estaremos en entre vinte e trinta metros de incerteza. Si expresámola con milésimas de segundo, aínda teremos unha incerteza de entre un e case tres metros», apunta Chao.

Ademais da incerteza asociada ás matemáticas existen diferentes tipos de cálculos que tamén dan resultados distintos. Iso si, ningunha das operacións afastan o centro do lugar de Nugallás. «O método de cálculo afecta moito ao resultado final. O cálculo do centroide é o correcto geométricamente, pero depende de cantos vértices e lados teña o polígono ou mapa. Antes o cálculo podía ser sumamente tedioso, pero o software de cartografía dixital faino moi rápido. Non é o mesmo utilizar unha representación de Galicia mediante un polígono moi simple que mediante un polígono moi complexo. O centroide pode desprazarse máis de 300 metros. Hai que ter en conta que os mapas son representacións xeométricas dunha realidade, ou incluso son un artefacto, produto de convencións, decisións, como que é o que tomamos como liña de costa ou que está a formar parte dos lados do noso polígono. Por exemplo, o mapa do Instituto Xeográfico Nacional que utilizamos ten unha costa simplificada en moitos tramos. En realidade podemos ter tantos centroides como queiramos, aínda que neste caso non sairán de Antas de Ulla. Si coincidisen preto do límite municipal, poderían, pero non este non é o caso», confirma o experto.

O rexedor de Antas de Ulla solicita que se involucren a Deputación e a Xunta

Javier Varela ten claro que o proxecto do centro xeográfico de Galicia require de axuda externa. «Economicamente, en Antas de Ulla non podemos facernos cargo dunha transformación coma esa. Se queremos comprar as propiedades que están no centro xeográfico da comunidade, no lugar de Nugallás, necesitamos que outras Administracións se involucren. Este debe ser un proxecto de todos os galegos e, polo tanto, ten que ser financiado primeiro pola Deputación de Lugo, pero tamén pola Xunta de Galicia», comenta. O alcalde do municipio lucense pide esa colaboración das Administracións para que todos os galegos non só poidan coñecer dunha vez por todas cal é o auténtico quilómetro cero da comunidade, senón que ademais poidan visitalo.

Votación
30 votos
Comentarios

Los dueños del centro de Galicia: «É un orgullo»