Galicia rexistrou máis de 5.400 pisos turísticos desde a entrada en vigor do decreto

Susana Acosta
S. Acosta REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

ÓSCAR VíFER

Sanxenxo está á cabeza en canto a número de inmobles e ten case o dobre que Santiago, A Coruña e Vigo xuntos

22 oct 2019 . Actualizado ás 19:04 h.

O pasado xoves fixo un ano que o decreto que regula as vivendas de uso turístico en Galicia entrou en vigor e a Xunta fai un balance máis que positivo destes doce meses. Turismo de Galicia considera que durante este tempo a norma autonómica deu un resultado «satisfactorio» e «acadou os seus obxectivos ao ofrecer un marco de seguridade xurídica para os interesados en comercializar estes servizos e para os usuarios e a sociedade en xeral». Durante este tempo foron máis de 5.400 vivendas destas características as que se deron de alta no rexistro da Xunta, o que constitúe o 16 % das 163.000 prazas de aloxamento turístico que existen en Galicia.

Por provincias, a maior concentración de vivendas de uso turístico dáse en Pontevedra e na Coruña, mentres que en Lugo e Ourense hai unha menor presenza. En canto á súa distribución por concellos, a maior parte sitúanse en destinos costeiros ou urbanos como Sanxenxo, Santiago, O Grove, Barreiros, Foz, A Coruña, Vigo, Poio, Cangas, Carnota, Fisterra e Bueu, entre outros.

Cabe destacar que Sanxenxo é o municipio con maior número de vivendas de uso turístico, con 1.217 inmobles destas características, mentres que se se suman as de Santiago (314), A Coruña (165) e Vigo (165), case non acadan nin a metade das que hai no municipio turístico pontevedrés.

A Xunta tamén lembra que o plan de inspección turística comezou o pasado mes de marzo e que conta coa colaboración dos concellos e do Goberno, así como coa das plataformas de comercialización a través de Internet para solicitar toda a información posible sobre as vivendas que se alugan a turistas que non teñan regularizado a súa situación. Sobre este aspecto, Turismo terá acceso aos datos sobre os propietarios que os portais de Internet teñen que enviar á Axencia Tributaria. Esta é unha das novidades deste ano do departamento que dirixe Cristóbal Montoro, que a finais do 2017 aprobou un decreto para que as plataformas que comercializan estes inmobles na Rede estean obrigadas a informar á Axencia Tributaria sobre os ingresos que perciben os propietarios ao alugar estas vivendas e as características dos inmobles, así como a súa localización e a súa referencia catastral. Os inspectores da Xunta tamén cotejarán estes datos e os que lles faciliten os concellos.