Os Blancos aforrará 110.000 euros ao ano en nóminas tras ser intervido

s. martínez VERÍN / LA VOZ

GALICIA

O Concello pasou de ter once empregados a contar con seis

18 abr 2018 . Actualizado ás 17:31 h.

O Concello dos Blancos pasou de contar con once empregados a ter seis tras ser intervido pola Xunta polas súas elevadas débedas. A xubilación dun dos funcionarios e a cesión á Deputación dos catro que se ocupaban dos servizos de obras, saneamento e abastecemento permitirá que o Concello -cunha débeda viva de 2,8 millóns, nun concello con 850 veciños- poida ver aliviada a súa carga financeira. O alcalde, José Manuel Castro, indicou que a medida «suporá unha diminución duns 110.000 euros anuais nos orzamentos do Concello». «Ademais, aforraremos outros 50.000 euros no capítulo de gastos de bens correntes e servizos», aseverou. O traspaso ao ente provincial dos servizos de subministración e depuración de auga e de mantemento de vías locais non traerá unha diminución na calidade destes servizos aos veciños, segundo o rexedor. «A intervención non suporá ningún prexuízo para os nosos residentes. O Concello funciona con normalidade», sentenciou.