O 35 % das vítimas de violencia machista no 2017 denunciaran ao seu agresor

Domingos Sampedro
Domingos Sampedro SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

CEDIDA

López Abella considera que estes datos supoñen «un fracaso do sistema», pois no 11,8 % dos casos non se conseguiu garantir a protección

18 abr 2018 . Actualizado ás 12:11 h.

O caso do pequeno Javier, o neno de 11 anos asasinado polo seu pai en Oza-Cesuras en maio do 2017, é paradigmático. É un das tres vítimas mortais que deixou a violencia machista en Galicia o ano pasado, pero no seu caso houbo denuncias previas contra o asasino, e varios profesionais implicados no tratamento terapéutico da familia. E nada impediu o fatal desenlace. No conxunto de España, o 35,3 % das vítimas de violencia machista denunciaran ao seu agresor antes de ser asasinadas, e no 11,8 % do total de casos había ditadas ordes de protección, datos que para Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade da Xunta, representa un evidente «fracaso do sistema».

López Abella compareceu este mércores en comisión parlamentaria para dar conta do informe anual sobre violencia de xénero que elabora a Administración galega. No 2017, foron asasinadas en España 51 persoas por violencia machista (43 mulleres e oito menores), e un total de tres (dúas mulleres e un menor) producíronse en Galicia, que ocupa o oitavo posto en número de vítimas mortais.

A responsable de Igualdade chamou a atención sobre un dato que considera «significativo», pois en doce dos casos, o 23,5 % había denuncia previa contra o agresor e noutros seis, ademais, existía unha orde de protección que foi ineficaz. «Para nós, eses doce casos e seis casos», que supoñen un 35,3 % do total, «supoñen un fracaso do sistema, evidentemente», esgrimiu López Abella.

En cambio, a Administración autonómica considera un dato positivo que, da man do aumento da sensibilización, aumente o número de denuncias. En Galicia rexistráronse un 6.436 denuncias no 2017, que son 753 máis respecto ao exercicio precedente. O dato máis preocupante é que 406 retiraron a denuncia contra o presunto agresor.

Tamén foron solicitadas na comunidade galega 1.928 ordes o ano pasado, que son 235 en relación ao 2016. Pero só se adxudicaron 1.284, o 60 % das solicitadas.