O exemplo Trabada: concentrar para gañar

Jorge Casanova
jorge casanova TRABADA / LA VOZ

GALICIA

XAIME RAMALLAL

A agrupación de leiras dispara o prezo do monte e converte ao concello lucense nunha referencia forestal

16 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A Daniel Villapol, o empresario que é a cara visible da transformación forestal que viviu Trabada nas últimas décadas, gústalle contar unha anécdota. Remóntase á segunda das catro concentracións parcelarias que se completaron nos montes deste concello lucense, fronteirizo xa con Asturias. A mediados dos anos noventa do século pasado, durante os contactos previos á concentración, unha propietaria mostrábase reticente: «Dicía que non tiña fillos e que non quería leas. Tiña varias parcelas de escaso valor. Eu fíxenlle unha oferta; díxenlle que pedise prezo por todas elas e que, coa oferta que tivese, unha vez concentradas, eu compráballas polo cuádruplo». A señora tomoulle a palabra. Pediu prezos e comunicoullo a Villapol, que mantivo o seu ofrecemento. E así acordaron. A concentración fíxose e o promotor volveu reunirse coa propietaria, agora cunha soa leira pero mellor comunicada e de maiores dimensións. «Cando lla quixen comprar, díxome que se non me importaba que volvese pedir prezo. Díxenlle que non. E ao cabo de pouco tempo vendeuna por un valor dez veces superior ao que tiña antes da concentración».

O episodio resume a reportaxe. Trabada é un exemplo de xestión forestal porque converteu unha superficie de propiedade atomizada e subexplotada noutra racional onde todos os propietarios se benefician. De feito, hoxe en día págase máis por unha parcela de monte que por unha de labradío. Todos teñen máis que antes e xa que logo todos queren que o monte siga producindo. Unha das consecuencias é que a rendibilidade do monte hase convertido xa nunha das dúas principais actividades económicas deste pequeno concello e outra, que o monte non arde . 

Sen reclamacións

O que ocorreu en Trabada non se xestou nun ano. Os contactos para a concentración arrincaron a finais dos oitenta, pero o proceso deixou un camiño marcado. Nun primeiro momento, os impulsores das concentracións implicaron a tres comunidades, pediron subvencións e practicamente conseguiron completalas a custo cero para os propietarios. Non houbo problemas nin reclamacións. Todos asinaron antes un compromiso para aceptar a repartición. A última concentración xa foi de carácter público e afectou a máis propietarios que as tres anteriores xuntas.

A parte de monte que aínda queda sen ordenar, un 20 % segundo o cálculo dos madeireiros, está pendente de selo. Conta a alcaldesa, Mayra García Bermúdez (PSOE), que os veciños destas parroquias xa solicitaron as concentracións: «O monte é un banco sen intereses», reflexiona a alcaldesa, que engade que a actividade forestal é fundamental para a economía dos seus veciños: «Porque a maioría son propietarios. E aquí non temos industria». Consciente desa importancia, o concello dedica unha gran atención á roza das pistas forestais, unha das claves do aproveitamento forestal en Trabada: «Están limpas ao cento por cento».

As pistas creadas coa concentración parcelaria nos montes de Trabada non animan ao seu tránsito cun vehículo convencional: «Están feitas todas de terra porque descubrimos que era moito máis práctico para a circulación da maquinaria», apunta un responsable. Así, coas intensas choivas das últimas semanas, as pistas están todas verdes. «No verán poden percorrerse todos cun vehículo de tracción simple», explica Daniel Villapol: «As concentracións foron adaptadas á xestión forestal; máis próximas cando a orografía é máis difícil e máis separadas onde hai menos pendente». Ademais, xa foron trazadas con aparcadoiros para a madeira e viraderos para que a maquinaria poida revolverse.

En todo este proceso de posta en produción do monte trabadense hai un protagonista: o eucalipto. A súa presenza é absoluta no concello aínda que tanto aos madeireiros como á alcaldesa lles gusta subliñar que non só hai eucaliptos: «Tamén quixemos facer unha aposta polo turismo e, nese sentido, temos tres fragas moi importantes que protexemos», afirma a alcaldesa. Tamén se tiveron en conta reservas de caza e mesmo espazos para desenvolvemento micolóxico.

Cada ano saen do monte dous soldos e medio por familia, afirma un madeireiro Daniel Villapol engade que os estudos de explotación sinalaron que non sempre o eucalipto era a especie adecuada: «Repoboamos con moitas especies», di. E é verdade. Pero fronte aos case tres mil castiñeiros plantados nestes anos, o número de eucaliptos supera os 666.000. Porque, á fin e ao cabo, o que se busca é a rendibilidade. «Se temos en conta a produción, cada ano saen aproximadamente dous soldos e medio por familia», calcula un madeireiro da zona. Un veciño conta que a primeira talla, hai 20 anos, deulle para abrir un negocio en Foz . E que xa está a punto a segunda. Ten unha extensión moi por amais da media, claro. A todos non lles rende igual, pero o que é indiscutible é que a todos lles interesa ter ao monte en produción: máis rendemento, menos incendios.