O cuco cantou con doce días de atraso

Xavier Fonseca Blanco
XAVIER FONSECA REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Os datos históricos sitúan temporalmente o primeiro canto desta ave sobre o 28 de marzo

23 abr 2018 . Actualizado ás 11:00 h.

O tempo chuvioso e frío que predomina en Galicia desde hai meses rematou por afectar á vida animal e vexetal. Sábeo ben Guillermo Budiño, veciño de Xinzo de Limia (Ourense) e colaborador fenológico da Axencia Estatal de Meteoroloxía. Desde hai 39 anos observa e rexistra como o clima afecta á flora e a fauna. «A », fenoloxía ocúpase por exemplo da floración das árbores, a maduración dos froitos, do seguimento das colleitas ou de rexistrar o primeiro canto do cucoexplica. O son que emite esta ave migratoria forma parte da banda sonora da primavera. Os datos históricos sitúan temporalmente o primeiro canto do cuco sobre o 28 de marzo. Con todo, este ano atrasouse notablemente. «Apareceu antonte. Había case corenta anos que non se atrasaba tanto», apunta. Se tardou en chegar foi pola meteoroloxía tan desfavorable. A última borrasca deixou fortes granizadas en toda a comunidade e mesmo neve a partir dos 600 metros. «Non recordaba unha nevada en Xinzo nesta época do ano. Con este tempo tan frío o cuco entende que non hai insectos para comer, porque os insectos necesitan calor. Por iso tardou tanto en chegar», recoñece.

Outra especie que está sufrindo os efectos das baixas temperaturas e as choivas intensas e incesantes son as cegoñas, que tamén teñen que realizar un importante esforzo para atopar alimento. «Cando chegaron en decembro as condicións eran moi boas, con sol e temperaturas anormalmente altas, pero dende primeiros de ano temos frío e moita chuvia, e as cegoñas están a pasalo moi mal porque non é fácil para elas atopar comida».

A vexetación galega tampouco presenta o aspecto propio da estación primaveral a estas alturas do ano. A floración está a se desenvolver máis lentamente. «A flor de moitas especies, como a das ameixeiras, non consegue callar. As baixas temperaturas están paralizando todo», engade.

Budiño leva media vida sen deixar de prestar atención á súa contorna. O seu testemuño ofrece unha versión diferente pero enche de razón sobre as consecuencias do aumento da temperatura global. «Eu noto moito os cambios, sobre todo nas estacións. Antes aínda tiñamos outono e primavera; agora pasamos do verán ao inverno. Hai un descontrol climático. Non é normal que non chova durante tantos meses e despois se poña a chover así». Asegura que a fenología debería ter unha presenza maior na investigación sobre cambio climático. Budiño e outros moitos como el manteñen unha relación moi estreita coa natureza, e ninguén mellor que eles para saber como está a cambiar.