Coidado co vento en toda Galicia

Susana Acosta
Susana Acosta REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

SANDRA ALONSO

A borrasca Gisele adquire carácter de ciclogénesis explosiva

14 mares 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O vento soprará con forza durante toda a xornada. Non en balde a borrasca Gisele adquire carácter de ciclogénesis explosiva ao descender de 20 milibares a súa presión desde onte ao mediodía ata hoxe. Os fortes refachos de vento serán as protagonistas indiscutibles, ao chegar a superar os 120 quilómetros por hora en zonas do litoral e no suroeste da Coruña. Tamén no sur de Ourense pódense acadar estes rexistros. Os avisos laranxas por este fenómeno están activados ata esta noite, pero o peor agárdase durante a mañá, ata as tres da tarde.

Ademais de en A Coruña, en Ourense e en Lugo, tamén soprará con forza o vento en Pontevedra, superando os 100 quilómetros por hora na ribeira do Miño e nas Rías Baixas. Así mesmo, agárdanse refachos de máis de 90 quilómetros por hora no interior da provincia. Pero, sin duda, as choivas afectarán especialmente a esta provincia. Do mesmo xeito que en Ourense e na Coruña, en Pontevedra está activado tamén o aviso amarelo por acumulación de 15 litros por metro cadrado en apenas 1 hora: «Serán chuvascos máis curtos que coa borrasca Félix, pero máis intensos», explicou Juan Taboada de Meteogalicia . Tamén nestas provincias agárdase que caian máis de 40 litros por metro cadrado en doce horas. A particularidade de Pontevedra é que este aviso pode continuar mañá e chegar a acumularse máis de 180 litros por metro cadrado en apenas 48 horas, unha cantidade que ben podería recollerse durante un mes normal de precipitacións. De feito, o pasado febreiro non se chegou a acadar esta cifra.

Neve na montaña

Aemet tamén activou o aviso por acumulación de máis de cinco centímetros de neve en 24 horas na montaña das provincias de Lugo e Ourense. A razón hai que buscala en que o centro de baixas presións, que se atopa ao suroeste das illas británicas, enviará unha masa de aire frío que fará baixar a cota por baixo dos 1.000 metros ao final de semana. O mar tamén será protagonista durante toda a xornada, por ondas de ata seis metros de altura e ventos fortes marítimos de ata forza 8.

Actividades extraescolares

Ante esta situación e, sobre todo polos danos que o vento pode ocasionar, a Xunta decidiu onte suspender as actividades no exterior dos centros educativos situados nas zonas onde se activou o aviso laranxa por fortes refachos de vento, de máis de 100 quilómetros por hora. É dicir, en zonas concretas das catro provincias galegas, como é a costa e o suroeste da Coruña; as Rías Baixas, a ribeira do Miño e o interior de Pontevedra; o noroeste e sur de Ourense e na Mariña, a zona centro e a montaña de Lugo.