Alfonso Rueda: «O luns veremos se esta negociación vai simplemente de querer cobrar máis»

Xurxo Melchor
xurxo melchor SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

SANDRA ALONSO

O vicepresidente da Xunta reitera que non subirán máis a súa oferta de aumento salarial, pero ve posible o acordo noutras das reclamacións

17 feb 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Aínda que non se sentou á mesa cos funcionarios de Xustiza, Alfonso Rueda (Pontevedra, 1968) dirixe directamente unhas negociacións que parecen enquistadas pola esixencia dos sindicatos dunha subida lineal de 225 euros ao mes por traballador. «Isto está fóra da realidade», advírtelles o vicepresidente da Xunta.

-Levamos oito días de folga, están tan paralizados os xulgados como din os sindicatos?

-Sen dúbida, está a afectar. Esta situación non ten nada que ver coa normalidade. Outra cousa é que discutamos o número de xuízos suspendidos, porque realmente non dan as cifras. Non hai tantos xuízos ao día en Galicia como os 600 dos que falan os sindicatos. O mesmo sucede co dato de seguimento da folga [os funcionarios falan do 90 % e a Xunta do 40 %]. Nós temos sistemas de control para saber realmente a xente que está a ir á folga. Agora ben, o que ninguén discute é que está a afectar aos xulgados e que cada vez hai máis paralización.

«Gustaríame que o cidadán medio diga se lle parece ridículo cobrar mil euros máis ao ano»

-O luns retoman a negociación e vostedes xa advertiron que non aumentarán máis a subida salarial que os sindicatos cualifican de «ridícula». Hai marxe para o acordo?

-O primeiro é ser claros e rebelarse contra esa cualificación de ridícula. Eu trasládolle unha pregunta ao cidadán medio, que observa esta folga desde fóra, para que nos diga que lle parecería que gañar mil euros máis ao ano sexa cualificado como ridículo e que o único que provoque nos sindicatos sexa levantarse da mesa de negociación. Máxime cando eses mil euros saen dos recursos públicos, do que a xente paga cos seus impostos. De impostos de xente que moitas veces gaña unhas cantidades que eses mil euros lles parecerían moi respectables. A Xunta fixo unha oferta, que sitúa aos traballadores de Xustiza galegos por amais da media de España, e de aí xa non nos imos a mover. Se o problema era a equiparación, aí teñen a equiparación. Agora hai outros catro puntos na súa reclamación e iso é o que queremos negociar a partir do luns, e veremos se realmente estamos a falar dun paquete de cinco cosas ou ao final esta negociación vai simplemente de querer cobrar máis a final de mes á conta dos recursos públicos.

«Os que fan a folga teñen que entender que ten unhas consecuencias nas nóminas»

-Podería adiantarse a este ano o cobro do aumento e anularse os recortes cando están de baixa, dúas cuestións que tamén reclaman os traballadores?

-Dixemos desde o principio que a lei non o permitía. Se non fose así, por suposto que se adiantaría ao 2018 o cobro dos incrementos. Proba de que isto é así é que a Avogacía do Estado acaba de recorrer o acordo de Madrid e supoño que fará o mesmo co de Asturias. En canto ás incapacidades temporais, os funcionarios de Xustiza teñen o mesmo réxime que o resto dos traballadores públicos que cobran unha nómina da Xunta. Esta é a clave, porque o lóxico é establecer un sistema igual para todos. Hai unhas negociacións a nivel nacional para modificar este réxime e aquí aplicarémolo se se chega a ese acordo no conxunto do Estado.

-Nalgunhas asembleas asegúraselles aos funcionarios que cando haxa acordo non se descontarán das nóminas os días de folga. Existe esa posibilidade?

-Tamén me chegaron eses comentarios e o que podo dicir é que en absoluto a Xunta mantivo contacto con ningún representante sindical nese sentido. Igual que respectamos o dereito de folga, os que fan folga teñen que entender que non asistir ao traballo ten unhas consecuencias nas nóminas. Iso é aplicar a lei, e é o que imos facer.